Pestanas principais

Os alcaldes de Ames e Brión manteñen unha xuntanza para abordar temas como o transporte metropolitano ou o parque comarcal de bombeiros

Xoves, 17 de decembro de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo alcalde de Brión, Pablo Lago, mantiveron a primeira xuntanza oficial dende que o rexedor de Brión tomou cargo da Alcaldía. Este encontro serviu para abordar diferentes temas de interese para ambos municipios. Deste xeito, falaron do servizo de transporte metropolitano, das obras que se van executar na estrada AC-543, ao seu paso pola avenida da Maía, e que se lle pretende dar continuidade dentro do termo municipal de Brión, do servizo que presta a ambos concellos a potabilizadora situada en Lens, do parque comarcal de bombeiros, e do peche da oficina da entidade bancaria Santander. A cordialidade e o entendemento foron a tónica dominante nesta reunión que serviu para estreitar posturas e buscar novas liñas de colaboración.

Os alcalde de Ames e Brión mantiveron unha xuntanza este mércores, 16 de decembro, na que abordaron diferentes temas de interese para ambos municipios. Un dos temas abordados foi o do servizo do transporte metropolitano. Deste xeito, puxeron en común as iniciativas feitas coas alegacións ao transporte metropolitano, que se presentaron dende ambos Concellos e que foron aceptadas pola Xunta de Galicia e afectan á mesma liña de transporte que comparten. Ademais, intercambiaron impresións sobre a posición dos Concellos fronte ao actual convenio. Tamén falaron da información que se publicará nas webs municipais sobre dito servizo e para facer unha campaña informativa sobre a entrada en funcionamento das novas liñas, previsiblemente o día 23 de decembro.

Outro dos temas tratados foi o das obras que se van executar na estrada AC-543, ao seu paso pola avenida da Maía, e que se lle pretende dar continuidade dentro do termo municipal de Brión. Dende o Concello de Brion interesáronse sobre as actuacións que se van realizar na avenida da Maía e presentaron ante á AXI unha proposta para desenvolver un proxecto que incluiría ampliar as beirarrúas e unha actuación de mellora no firme no tramo da AC-543 que pasa polo concello de Brión. Ademais, teñen a intención de recibir dito tramo por parte do Concello, do mesmo xeito que fixo Ames. Tamén se concretou a tipoloxía da avenida co propósito de manter un carácter urbano en todo o treito, priorizando o tránsito peonil e compartindo a idea de convivencia entre vehículos e ciclistas, sen a construción de carrís bici específicos para este tramo.

Por outra banda, falouse do servizo que presta a ambos concellos a potabilizadora situada en Lens. Desde o Concello de Ames comezouse a traballar na forma xurídica que hai que establecer entre ambos Concellos co obxectivo de regularizar a captación de auga do río Tambre e poder así deseñar unha extensión da rede para O Milladoiro. Neste senso, ambos alcaldes acordaron manter unha reunión en breve para estudar con detalle a fórmula xurídica máis aconsellable e ver os pasos administrativos que hai que dar. Ademais, dende o Concello de Brión volveron a ofrecer a súa brigada de obras e maquinaria para que poida ser utilizada por parte do Concello Ames, en caso de necesidade puntual para a canalización que é necesario executar. Dito ofrecemento vai ser estudado por parte do Concello de Ames.

Parque comarcal de bombeiros
En dita xuntanza tamén se falou do parque comarcal de bombeiros. Analizouse a situación actual e os pasos dados nos últimos anos. Ambos rexedores concluíron que é necesario volver a dar un impulso a este proxecto, que segue a estar pendente de decisións alleas aos Concellos implicados. Acordouse volver a solicitar unha reunión entre todos os Concellos implicados para tratar de axilizar os pasos a dar de cara aos próximos anos.

Por último, falouse do peche da oficina da entidade bancaria Santander. Sobre este asunto acordaron elaborar unha nota de prensa específica sobre dito peche que afecta a ambos concellos. Coma sempre a cordialidade e o entendemento foron a tónica predominante desta reunión que serviu para estreitar posturas e buscar novas liñas de colaboración.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia:  "Brión quiere dar continuidad al diseño de humanización de la avenida da Maía"

Imaxe da reunión co alcalde de Brión