Pestanas principais

Mellórase a área deportiva de Bertamiráns con novas pistas deportivas e novos vestiarios no pavillón

Sábado, 06 de xuño de 2020

Esta semana a concelleira de Deportes, Susana Señorís, visitou as instalacións do pavillón polideportivo de Bertamiráns, onde se executou o proxecto de reforma dos vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Estas obras foron adxudicadas á empresa CYS HISPANIA SL por 54.949,61 euros. Ademais, avanzan a bo ritmo as obras para construír un nova pista de pádel e unha pista de baloncesto exterior. Este proxecto foi adxudicado por un importe de 89.353,66 euros á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL. En total, destínanse 144.303,27 a estas dúas actuacións de mellora dos equipamentos deportivos de Bertamiráns. Estas obras están incluídas no POS+ 2019.

A través de ditos proxectos rehabilitouse e mellorouse a área deportiva e mailo pavillón de Bertamiráns. Deste xeito, veñen de rematar as obras de construción de dous vestiarios, un para homes e outro para mulleres, no interior do pavillón municipal. O acceso realízase desde o vestíbulo que une o exterior do pavillón, zona da piscina coa pista interior, de forma que poidan acceder os usuarios da piscina, do anexo do pavillón e do propio pavillón. Os vestiarios teñen unha zona de bancos e ao fondo unha zona de duchas colectivas. Tamén se acondicionou o espazo que actualmente se utiliza como almacén dos socorristas. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 54.949,61 euros.

Ademais, mellorouse a área deportiva exterior que se atopa entre o pavillón e o campo de fútbol de Bertamiráns. En dita área eliminouse a pista de tenis que existía e creouse un espazo aberto na que se está executando unha nova pista de pádel e unha pista de baloncesto exterior. Estas obras avanzan a bo ritmo e están practicamente rematadas. A pista de pádel dispón dun peche perimetral executado con piares de aceiro laminado de catro metros de altura e catro puntos/torres de iluminación, mentres que a pista polideportiva disporá dunha grada prefabricada e catro puntos de luz. Este proxecto foi adxudicado á empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL por un importe de 89.353,66 euros.

Estes proxectos únese ao proxecto, xa executado, de ampliación do pavillón de Bertamiráns, que conta cun anexo dotado cunha nova sala de ximnasio e unha pista de squash cuberta. Neste proxecto investíronse 97.795 euros. Ademais, debido á falta de espazos deportivos o goberno municipal ten previsto nos próximos anos ampliar o pavillón municipal cunha nova pista polideportiva cuberta. Para este proxecto estase buscando financiamento.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que o Concello de Ames aposta polo fomento do deporte e engade “todas as melloras que se fagan nas instalacións deportivas existentes, así como os proxecto novos que se executen son moi necesarios, xa que hai unha alta demanda de instalacións por parte dos/as usuarios/as”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Vestuarios y pistas para deporte en Bertamiráns"

Lindeiros: "Melloras nas instalación deportivas de Bertamiráns"

Revista Ames Go: "Bertamiráns renova o seu pavillón"

Estado actual da área deportiva de Bertamiráns

Multimedia

  • As obras avanzan a bo ritmo e están practicamente rematadas
  • Imaxe da nova pista de pádel
  • Imaxe da pista exterior de baloncesto
  • Imaxe dos novos vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns
  • Imaxe dos novos vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns
  • Imaxe dos novos vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns
  • Imaxe dos novos vestiarios do pavillón polideportivo de Bertamiráns