Pestanas principais

O Pleno aproba o plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022

Venres, 28 de febreiro de 2020

Onte 27 de febreiro celebrouse o pleno ordinario do mes de febreiro no que a Corporación municipal aprobou o plan de subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022. Tamén se prestou aprobación á constitución da asociación do camiño Fisterra e Muxía; ao convenio coa Deputación provincial da Coruña para colaborar na inspección do IAE; á revogación do convenio de colaboración para o uso compartido da sede electrónica da Deputación; e á inadmisión do recurso de reposición fronte ao acordo plenario de aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI. Ademais, aprobouse de xeito provisional os regulamentos de réxime interior das escolas infantís A Madalena e O Bosque, unha proposta presentada polo concelleiro de Ciudadanos sobre o estado da estrada AC-453 entre Tapia e Portomouro, e unha moción do grupo socialista sobre o Plan Marco da Xunta de Galicia para a mellora de camiños rurais.

O pleno ordinario de febreiro comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información periódica a render ao Pleno, correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2019. Deste xeito, dixo que o período medio de pago a provedores no Concello de Ames está en 5,90 días, moi por debaixo do que establece a lei que son 30 días.

A continuación, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a acta do pleno celebrado o 31 de xaneiro de 2020. O seguinte tema na orde do día foi a inadmisión do recurso de reposición presentado fronte ao acordo plenario de aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto Enrique Costas (Ames Novo) e José Ramón Oulego (Ciudadanos). Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular votaron en contra.  

Cómpre lembrar que no pleno do pasado 31 de outubro de 2019 prestouse aprobación provisional á modificación de dita ordenanza. Posteriormente, durante o prazo de exposición pública presentouse unha alegación que se resolveu no pleno do 28 de decembro de 2019, aprobado así de xeito definitiva a ordenanza. Ese mesmo día presentouse recurso de reposición contra dito acordo plenario que agora non se admite segundo consta no informe elaborado pola Secretaría municipal.

De seguido, aprobouse por unanimidade a constitución da asociación do camiño Fisterra e Muxía (aprobación dos estatutos e designación dun representante municipal). A constitución da asociación fundaméntase no feito de que o concello de Ames está no percorrido do camiño Fisterra e Muxía e no interese municipal na promoción da actividade turística, económica, cultural e patrimonial. Para o ano 2020 a achega municipal será como máximo de 2.000 euros. Ames xunto a outros concellos por onde transcorre esta ruta: Santiago de Compostela, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía pretenden, de forma conxunta, manter e promover esta ruta de peregrinaxe.

Plan estratéxico de subvencións
A Corporación municipal tamén aprobou o plan estratéxico de subvencións de 2020, 2021 e 2022, que recolle os obxectivos que se pretenden alcanzar coa aplicación de dito plan, a modalidade de concesión aplicable, os destinatarios aos que van dirixidas e mailo importe económico. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do goberno municipal. Os/as concelleiros/as do grupo municipal popular e do grupo mixto (Enrique Costas de Ames Novo e José Ramón Oulego de Ciudadanos) abstivéronse.

A través da aprobación deste plan establécese un calendario de subvencións polo que se vai a rexer o Concello durante dito período de tempo. O anterior plan rexeu durante o período 2017-2019. Este plan ten un carácter estratéxico e programático e ten a finalidade de establecer uns criterios transparentes no reparto das axudas públicas. Estas subvencións quedan supeditadas a criterios obxectivos, que se reflectirán nas bases que se publicarán.

As subvencións municipais divídense en diferentes áreas: protección civil, medio ambiente, servizos sociais e promoción social, educación, promoción cultural e normalización lingüística, deportes e promoción económica. Ditas axudas outorgaranse mediante concorrencia competitiva, agás catro liñas de axudas que se outorgarán mediante convenio (de xeito nominativo). No plan recóllese que para o exercicio 2020 destínanse 715.872 euros para as diferentes axudas municipais. Para o exercicio 2021 está previsto que se destinen ás subvencións municipais 769.472 euros, mentres que para o 2022 no plan recóllese unha contía total de 694.472 euros.

Administración electrónica
Ademais, aprobouse, tamén por unanimidade, a revogación do convenio de colaboración para o uso compartido da sede electrónica da Deputación. Revógase así a delegación, acordada mediante acordo plenario do 28 de febreiro de 2013, na Deputación da Coruña para o uso compartido da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña e para a xestión e administración da sede electrónica e establécese como data de desconexión o 1 de abril de 2020.

O 1 de agosto de 2019 a Xunta de Goberno Local adxudicou os servizos para o deseño e implantación da administración electrónica á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL. A través deste contrato o Concello de Ames disporá dunha nova plataforma de Administración electrónica e un novo sistema de expedientes para o persoal municipal. Na actualidade estase negociando coa Deputación a transferencia de arquivos do rexistro de entrada e saída e solicitóuselle que se manteña o acceso en consulta a todos os expedientes municipais aloxados nos servidores da Deputación provincial da Coruña ata finais do ano 2020.

Actualización dos regulamentos das escolas infantís municipais
Tamén se aprobou por unanimidade a aprobación provisional dos regulamentos de réxime interior das escolas infantís A Madalena e O Bosque. Os principais aspectos que se modificaron afectan fundamentalmente ás necesidades de vacinación, á dispensa de medicación e á organización do persoal das escolas. Ditos regulamentos modificáronse despois de sete anos (dende xaneiro de 2013), polo que era necesaria dita actualización e modificación de determinadas cuestións relacionadas co normal funcionamento das escolas infantís municipais.

Antes de aprobar ditas modificación dos regulamentos, aprobouse tamén por unanimidade, unha emenda presentada polo concelleiro de Ames Novo, Enrique Costas, para engadir no inicio do artigo 8 un novo parágrafo: “o servizo de comedor da escola ten vocación de atender á totalidade da demanda que se poida producir, sen prexuízo de que o número efectivo de prazas para cada curso poida verse limitado en función dos recursos físicos, económicos e de persoal dispoñibles. A día de hoxe o número de prazas dispoñibles é o seguinte:”.   

Por outra banda, aprobouse a subscrición dun convenio coa Deputación provincial da Coruña para colaborar na inspección do imposto sobre actividades económicas (IAE) e nos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións. As bases para a prestación dos servizos tributarios aos concellos da provincia, da Deputación Provincial da Coruña, recollen a posibilidade de subscrición dun convenio de colaboración na inspección do IAE. Deste xeito, iniciáronse os tramites para tal fin e a Deputación da Coruña remitiulle ao Concello o pasado 5 de febreiro o texto do convenio a asinar, o cal foi informado favorablemente pola tesoureira municipal. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto; Enrique Costas (Ames Novo) e José Ramón Oulego (Ciudadanos). Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular abstivéronse.

Propostas e mocións  
No apartado de propostas aprobouse por unanimidade unha proposta presentada polo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, sobre o estado da estrada AC-453 entre Tapia e Portomouro. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a anchear o viario naqueles puntos máis estreitos e que significan un perigo manifesto para o tráfico. Tamén se solicita dotar de beirarrúas aqueles tramos urbanos nos que se careza das mesmas (de Quintáns a Cruxeiras; de Frenza a Vilouta; e nos lugares de Vilaverde, Fernande e Balindo); elaborar un estudo do estado das pontes de Caduleira e Ponte Vella, para ver o estado no que se atopan; realizar o mantemento e limpeza das cunetas de toda a estrada; e mellorar a seguridade viaria no entorno do CEIP de Barouta, coa mellora da sinalización, elementos disuasorios para o exceso da velocidade, colocación dun paso de peóns, etc.

No apartado de mocións o grupo socialista presentou unha moción por vía de urxencia sobre o Plan Marco da Xunta de Galicia para a mellora de camiños rurais. Nesta moción ínstase á Xunta de Galicia a non recortar o Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas, dotado de 11.974.836 euros para o período 2020-2021, xa que dito plan baixou en preto de 8 millóns de euros respecto do ano 2016 cando se presupostou case 20 millóns de euros (19.998.110 euros). Esta moción foi aprobada co voto a favor dos membros do grupo de goberno e do concelleiro Enrique Costas, de Ames Novo. Os/as edís do Partido Popular votaron en contra, mentres que o concelleiro José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstívose.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames diseña un plan trianual para regular la concesión de subvenciones"

La Voz de Galicia: "Las carreteras a Negreira y Portomouro, puntos negros para la seguridad vial"

Imaxe do pleno ordinario do 27 de febreiro de 2020

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario do 27 de febreiro de 2020