Pestanas principais

Nazaret López presentou con éxito de afluencia a súa primeira novela, “Formigas nos pés”

Venres, 20 de decembro de 2019

A xornalista amesá Nazaret López presentou onte no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a súa primeira novela, “Formigas nos pés”. A pesar do mal tempo e de todas as convocatorias a diferentes eventos que hai nestas datas tan sinaladas, o acto tivo éxito de afluencia e Nazaret presentou o libro arroupada por moitos dos seus compañeiros de profesión e amigos.

O departamento de Cultura do Concello de Ames organizou, dentro da programación das Bibliotecas Municipais para este mes de decembro, a presentación da novela da xornalista amesá “Formigas nos pés”.  En dita presentación encontrábanse José Miñones, alcalde de Ames; Fran Alonso, director de Xerais; Xosé Antonio López Silva, profesor e filólogo; Armando Requeixo, crítico literario; Natividade González, concelleira de Cultura do Concello de Ames e a música e pintora, Celia Pía.

Todos os integrantes tiveron, nas súas respectivas intervencións, palabras de agarimo para a autora, que afrontou con moita ilusión o acto. Entre os integrantes da mesa, Armando Requeixo e Xosé López Silva, dúas personalidades moi vinculadas con Nazaret e coa radio municipal amesá dende fai anos.

A autora de “Formigas nos pés” animouse a realizar unha interpretación musical da novela, acompañada pola música Celia Pía ao piano. As cancións desta última son utilizadas pola autora para representar diferentes momentos da historia de superación que narra na súa novela. Ademais, Celia é pintora, e foi a encargada de ilustrar a capa do libro.

Xa por último engadir que Fran Alonso, director de Xerais, anunciou, ante a boa acollida do acto en Ames, que a editorial ten previsto facer outras presentacións para que “Formigas nos pés” chegue a outros recunchos de Galicia.

Formigas nos pés
A primeira novela de Nazaret López é un retrato do que somos como sociedade a través da mirada dunha muller á que todo se lle desmorona cando chega aos 50, e que se debe de redescubrir dende ese punto de devastación interna, para aprender a camiñar sen aqueles brazos que ela cría eternos.
A historia xira arredor dunha ruptura, pero tamén é unha obra na que se fala das mulleres, e da súa construción como “tribo” ante adversidades que lles depara a vida. Porque aínda que a protagonista é unha muller que entra na chamada xeración dos 50, tamén se reencontra con todas “elas”: ela mesma en diferentes etapas da súa vida, as súas amizades, a súa familia... E todo isto, tratando un tema universal como é a dor, e das fases que esta representa.

Sobre a autora
Nazaret López é unha xornalista amesá que leva arredor de 15 anos traballando no departamento de Comunicación e na radio municipal do Concello de Ames. Anteriormente, traballou en medios de comunicación como na Televisión de Galicia, Televisión Española, e diferentes medios radiofónicos. Nazaret López conta cunha gran bagaxe dentro do mundo do teatro, con creación e dirección de diferentes obras. Agora, estréase no ámbito novelístico coa obra “Formigas nos pés”.

Presentación do libro Formigas nos pés de Nazaret López

Multimedia

  • Presentación do libro Formigas nos pés de Nazaret López
  • Presentación do libro Formigas nos pés de Nazaret López
  • Presentación do libro Formigas nos pés de Nazaret López
  • Presentación do libro Formigas nos pés de Nazaret López