Pestanas principais

Invístense 152.777 euros na mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio e no pavillón do Milladoiro

Mércores, 02 de outubro de 2019

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, traballadores/as municipais e representantes das empresas adxudicatarias, visitaron as obras feitas na rúa Agro do Medio e do pavillón polideportivo do Milladoiro, para mellorar a accesibilidade. Na rúa Agro do Medio rebaixáronse a cota 0 o nivel das beirarrúas tanto nos pasos de peóns coma nos vaos. Tamén se colocou novo mobiliario público como bancos accesibles e unha marquesiña de autobús. No pavillón habilitouse un ascensor, reformáronse os baños e vestiarios e colocouse unha barreira metálica e con cristal na zona da bancada do pavillón. Estas obras financiadas con plans provincias tiveron un custo de 152.777 euros.

No pavillón polideportivo do Milladoiro creouse un aparcamento adaptado, dentro dos xa existentes, que cumpre a normativa coas súas dimensións e bandas perfectamente delimitadas e pintadas, así como habilitouse un punto de acceso á beirarrúa con paso de peóns adaptado. No espazo próximo á entrada, onde se atopa o soportal norte do edificio, habilitouse un ascensor exterior, cunha estrutura envolvente metálica. A través deste ascenso as persoas con diversidade funcional poden acceder a zona da bancada do pavillón polideportivo. O ascensor dispón dunha cabina cun lateral de cristal e o resto opacos de chapas de aceiro.

Ademais, realizouse unha reestruturación dos aseos públicos da planta superior redefinindo os espazos e creando un aseo adaptado por sexo. Asemade, levouse a cabo unha remodelación dos espazos e divisións en vestiarios para permitir un aseo completo adaptado por sexo que dispoña de ducha adaptada coas súas barras, asento, sumidoiro e tipo de pavimento apto de maneira integrada, ademais da adaptación das portas existentes.

Por último, colocouse unha barreira metálica e con cristal na zona da bancada do pavillón, onde se poden colocar os espectadores con cadeiras de rodas, e levouse a cabo a adaptación física do mostrador de atención en conserxería para persoas con discapacidade. Estas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Iglesias Mera SL por un importe de 68.500 euros, IVE incluído. Este proxecto foi sufragado a través do Plan único de concellos POS+ 2018.

Mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio
O obxectivo da intervención feita na rúa Agro do Medio foi conseguir que sexa un espazo publico que poida ser utilizado por todas as persoas con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. Por tanto, con carácter xeral resolvéronse os vaos que non estaban adaptados correctamente e supoñían unha barreira para usuarios/as de mobilidade reducida ou usuarios/as de cadeiras de rodas e/ou persoas con problemas de visión.

Deste xeito, rebaixáronse a cota 0 o nivel das beirarrúas tanto nos pasos de peóns coma nos vaos. Nalgúns casos créanse novos vaos e pasos de peóns alí onde se diagnosticaron as barreiras arquitectónicas de carácter urbanístico. Tamén se colocou novo mobiliario público como bancos accesibles e unha marquesiña de autobús. Estas obras foron adxudicadas á empresa Construciones J. Mauri e Hijos SL por un importe de 84.277 euros.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “o goberno municipal destinou máis de 150.000 euros a dotar de accesibilidade universal a unha das principais rúas do Milladoiro como é Agro do Medio, así como ás instalacións do pavillón polideportivo deste localidade. Deste xeito, o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo dos traballos desenvolvidos en varias instalacións do Milladoiro, na Casa do Concello, praza do Concello, e na praza da Maía, en Bertamiráns, así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia”.

Ademais, o concelleiro destaca que “desde que chegamos ao goberno investimos en torno a un millón de euros en algo tan necesario como facilitar a accesibilidade ás persoas con problemas de mobilidade. Durante este mandato seguiremos apostando de maneira clara por facer Ames máis accesible”.

Visita ás obras de mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio

Multimedia

  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio
  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio
  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo
  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo
  • Imaxe da fachada do pavillón polideportivo
  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo
  • Visita ás obras de mellora da accesibilidade no pavillón polideportivo