Pestanas principais

O Milladoiro acollerá a I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”

Luns, 23 de setembro de 2019

A Casa do Concello acolleu este luns, 23 de setembro, a presentación da I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate”, un evento solidario que se desenvolverá o sábado, 12 de outubro, na zona da Casa da Cultura do Milladoiro. A Asociación Ángeles caídos sobre ruedas e o grupo Bikersolitari@s, en colaboración co Concello de Ames, organizan esta xornada na que haberá un mercadillo e cea solidaria, diferentes exposicións, exhibicións e música. Na presentación do evento estiveron a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, o concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Manuel Lens, e Juan Lojo, do grupo Bikersolitari@s e organizador de eventos solidarios, acompañado dun dos padriños da cea solidaria, Jorge Casal.

A xornada comezará ás 11:00 horas coa inauguración do mercadillo solidario, que contará con diferentes protectoras de Galicia, unha exposición de motos, a presentación do único taxi para mascotas na nosa comunidade, stands con pilotos e diferentes sorteos. Durante todo o día haberá diferentes exhibicións, ademáis das actuacións musicais de Jerry Noia Jukebox, Sabela, e DJ Rober. O evento incluirá tamén unha exhibición de Agilitty, que se desenvolverá entre as 17:00 e as 18:30 horas.

A I Ruta Biker Aultruísta “Animalíate” rematará coa celebración dunha cea solidaria cos padriños do evento, Jorge Casal e Sabela, que incluirá a actuación de Frank Jiménez e a chegada dos bikersolitari@s. Estes percorrerán durante toda a xornada do sábado unha ruta motera que os levará por A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago e O Milladoiro, visitando diferentes centros veterinarios e perrucarías caninas que colaboran co evento.

Toda a recadación conseguida na xornada, ben a través da ruta, do mercadillo ou da cea solidaria, irá destinada á Asociación Ángeles caídos sobre ruedas, unha asociación sen ánimo de lucro e protectora de animais que se centra na axuda aos mesmos mediante a elaboración de cadeiras de rodas ortopédicas a medida e adaptadas a cada un deles.

Para o concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Manuel Lens, trátase dun evento que “nos gustou desde o primeiro momento, xa que ía encamiñado a botar unha man a unha asociación que, de xeito altruísta, se dedica a facer cadeiras de rodas para cans con problemas de mobilidade. Intentaremos apoiar este tipo de iniciativas e que vaia moi ben a xornada”. A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, destacou “o carácter altruísta do evento, cun fin solidario tanto coas protectoras de Galicia como coa Asociación Ángeles caídos sobre ruedas. Dende o Concello de Ames estamos abertos a participar e colaborar en calquera actividade de carácter solidario ou que nos poda parecer interesante”.

Juan Lojo, do grupo Bikersolitari@s, destacou na presentación que se pretende facer “un evento solidario no que misturamos o mundo dos animais e as motos, dúas paixóns que compartimos o presidente da Asociación  Ángeles caídos sobre ruedas o eu, como organizador de eventos altruístas. Pretendemos axudar á asociación e tamén ás protectoras de animais, para o que faremos esa ruta por unha banda e, de xeito paralelo, ese mercadillo e cea solidaria no Milladoiro. Ademais, a xente que o desexe poderá colaborar doutras formas, que poden coñecer a través das nosas páxinas en redes sociais”.

Ligazóns:

Lindeiros: "I Ruta Biker Aultruísta Animalíate"

Compostela 24 horas: "Milladoiro acollerá a I Ruta Biker Aultruísta Animalíate"

El Correo Gallego: "Concentración motera solidaria a favor de los animales el día 12 en O Milladoiro"

Animalíate 1

Multimedia

  • Animalíate 2