Pestanas principais

O Milladoiro acolle este venres, 13 de setembro, a inauguración da Casa dos Maiores

Xoves, 12 de setembro de 2019

O Concello de Ames e a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro (JUPEMI) van levar a cabo mañá venres, 13 de setembro, a inauguración da Casa dos Maiores no Milladoiro.Trátase do antiguo local de JUPEMI do que se municipalizou a súa xestión no mes de abril, recollendo unha vella demanda do colectivo. Ao acto de inauguración, que se desenvolverá ás 18:30 horas, están convidadas todas aquelas persoas, socias e non socias, que queiran acudir para coñecer o local e as actividades que alí se desenvolven. Asemade, haberá unha pequena merenda con doces elaborados polos socios e socias de JUPEMI.

Froito do acordo alcanzado entre o Concello e JUPEMI, a administración local vén de asumir directamente os custes de alugueiro, suministros, limpeza ou reparación do local. Neste sentido, o Concello de Ames procedeu xa ao pintado do mesmo e ao cambio dos stores e da rotulación. Asemade, vanse poñer en marcha unha serie de actividades de envellecemento saudable. A Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro seguirá a manter as súas actividades propias, como as de ximnasia de mantemento, coro ou baile. O local está situado na rúa Figueiras número 3, baixo.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Fejoo, destacou que a Casa dos Maiores de Milladoiro “é un pequeno paso cara a creación de espazos de referencia para os maiores do noso Concello onde poidan xuntarse, falar, divertirse e realizar diferentes actividades de envellecemento activo e saudable; a intención é trasladar esta mesma idea a Bertamiráns e ao rural promovendo a creación de máis asociacións e a súa participación. Aínda que Ames é un concello moi novo tamén ten unha amplia porcentaxe de veciños e veciñas de maior idade aos que non debemos esquecer”.

Asemade, indicou que “a nosa intención é promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os nosos maiores desexan seguir aprendendo e seguir participando, e temos a obriga de facilitarlles os instrumentos para evitar o seu illamento e facilitar a súa implicación social, promovendo actividades e programas encamiñados a este fin , así como facilitarlles espazos de reunión onde poidan levar a cabo as súas actividades”.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Milladoiro acolle este hoxe a inauguración da Casa dos Maiores"

Local JUPEMI