Pestanas principais

A Aula CeMIT de Ames propón un mes de xullo cargado de cursos para todas as idades e intereses

Sábado, 29 de xuño de 2019

A aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación de xullo enfocada no tempo libre de menores e adultos. Durante o sétimo mes do ano a oferta formativa da aula constará dun total de oito cursos de temática variada, nos que os e as participantes poderán achegarse á mecanografía, programación con Scratch ou mesmo manexar algunhas das apps para smartphone máis coñecidas. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT, achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 682 373 753 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

Xullo chega á Aula CeMIT de Ames da man dun obradoiro sobre o Correo electrónico: webmail e smartphone, mediante o se busca afondar en todas as posibilidades que ofrece o correo electrónico. Por elo, durante a formación non só se mostran as opcións básicas e xerais como o envío de correo, senón tamén a súa xestión con etiquetas e filtros, novas funcionalidades que ofrece gmail tales como programar correos para envialos noutro momento ou con data de caducidade. Esta formación comezou o 25 de xuño, e estenderase ata o 4 de xullo.

Entre o luns 1 e o 29, impartirase o curso Mecanografía para adultos enfocado na eliminación de malos hábitos no uso do teclado. Para elo, os usuarios/as practicarán cunha plataforma online que tamén lles permitirá seguir as leccións dende a casa, polo que está indicado tanto para persoas que queiran desenvolverse de forma correcta no uso do teclado coma para aquelas que desexen afianzar o aprendido en edicións anteriores. Ademais, entre o 9 e o 18 de xullo, todos os martes e xoves desenvolverase o taller Manexa as apps do teu móbil, mediante a que se buscará que as persoas participantes coñezan e utilicen determinadas apps que soen estar presentes en todos os smartphones e ás que se lle poden sacar máis proveito, como son as referentes á mensaxería, xestión de finanzas, control parental, xestión do tempo ou turismo. Ambas formacións impartiranse en horario de 18.30 a 20.00h.

Cursos de verán para menores

Por outra banda, durante este mes tamén se ofrecerá un amplo abano formativo destinado aos nenos e nenas, que neste momento se atopan gozando das vacacións de verán. Para participar nalgún deles, é necesario rexistralos co usuario dos e das menores. Deste xeito, entre o 25 de xuño e o 23 de xullo desenvolvese un curso de informática lúdica para nenos/as entre 6 e 8 anos. Impártese todos os martes en horario de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dun curso de iniciación ao uso do ordenado enfocado aos máis pequenos e pequenas da casa, que versa sobre o manexo do sistema e como se navega por internet, a través de xogos nos que utilizarán o teclado e o rato.
 
Tamén se continúa cos talleres sobre programación co novo Scratch, iniciados a última semana de xuño. En ditos talleres, os/as rapaces/as crean postais animadas, vídeos e xogos interactivos. Os menores de 10 anos asisten todos os mércores do 26 de xuño ao 24 de xullo, mentres que os maiores fano todos os xoves do 27 de xuño ao 18 de xullo. Ambos talleres teñen lugar de 10.00 a 12.00 horas.

Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 1 ao 29 de xullo. Este é un curso de introdución e práctica co teclado dunha hora por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos, que se impartirá os luns de 10.00 a 11.00 horas, e outro para maiores de 10 anos, con clases todos os luns de 11.00 a 12.00 horas.   Cabe destacar que xa están cubertas as prazas para participar nos cursos de mecanografía, pero os/as interesados/as poden anotarse na lista de agarda.

Exames EMA

Nos mes de xullo tamén se realizará un exame EMA, que consiste nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a proba terá lugar o venres 12, en horario de 12.00 a 13.00 horas.

Tramitación das inscricións

Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de 10.00h a 13.00h e de 17.00 a 20.00h, chamando ao número de teléfono 682 373 753 no mesmo horario, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Portada de xullo na Aula CeMIT

Multimedia

  • Cartel  de xullo na Aula CeMIT
  • Aula aberta en xullo na Aula CeMIT
  • Cursos en xullo na Aula CeMIT