A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade e o Centro de Información á Muller de Ames organizan un curso de catro días de defensa persoal destinado a mulleres de todas as idades. O obxectivo desta formación non só é ofrecerlle as veciñas os coñecementos necesarios para saber como desenvolverse en situacións de perigo, senón favorecer tamén a súa autonomía e empoderamento ao tempo que se incentiva a práctica deportiva. Para participar nesta actividade é necesaria inscrición, que debe realizarse antes da mañá do venres.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres o tatami sobre o que se impartirá o curso de defensa persoal organizado polo Concello de Ames, a través da súa Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade e do Centro de Información á Muller. Esta aposta formativa consiste nun curso de 8 horas que se impartirá os venres 29 de marzo, 12 e 26 de abril, e 10 de maio en horario de 16.30 a 18.30 horas.
Mediante dita iniciativa preténdese facilitarlle ás mulleres do concello unha serie de técnicas de evasión e autodefensa mediante as que coñeceran como actuar en certas situacións de perigo, ante as que se buscará defenderse dun ataque e aminorar riscos. Ao mesmo tempo, a través deste curso o concello tamén busca apoiar ás participantes no desenvolvemento das súas habilidades sociopersoais, o incremento da súa autonomía e apoiar o seu empoderamento.
Esta actividade deportiva, aberta a todas as idades, non só mellora a autoestima de quen a practica, senón que tamén inflúe de maneira positiva na adquisición de autonomía persoal, tanto a nivel físico como mental. Asemade, é un exercicio óptimo para rebaixar o estrés, aumentar a sensación de seguridade e incrementar a autoconfianza, no que priman valores como o respecto, o compañeirismo ou a disciplina.
Tramitación das inscricións
Todas aquelas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse de forma gratuíta nas oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro ou de Bertamiráns, ou a través dos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información.






