A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia. Estas obras foron adxudicadas á empresa á empresa SYR-AMG SL por un importe de 79.810 euros, IVE incluído. Este proxecto sufragarase a través do Plan único de concellos “POS+ 2018”.
En dito proxecto contémplase a pavimentación de viarios no núcleo de Vilouta, na parroquia de Tapia, con cinco centímetros de zahorra de canteira e doce de formigón, nas que se incluirá mallazo e xuntas de dilatación, previa demolición, nivelación e compactación do pavimento existente. Este proceso levarase a cabo nos oito treitos nos que se dividen os viarios.
Asemade, tamén se mellorará a capa de rodaxe dun dos accesos do núcleo, que conta con 100 metros de lonxitude por 4,5 metros de ancho, con cinco centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma. Isto levarase a cabo despois da reparación de baches, o perfilado de mordentes e o emprego de dez centímetros de zahorra, dez de grava e tratamento asfáltico semiprofundo para a ampliación de 0,75 metros de ancho da superficie pavimentada en ambos lados dentro da plataforma actual do acceso.
Neste mesmo sentido, tamén se contempla a execución de 200 metros de cuneta de seguridade, que estará revestida de formigón e baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 metros, que contará coas súas correspondentes arquetas con sumidoiro, así como 12 metros de caz de formigón con reixa.
Para finalizar, colocarase a sinalización horizontal e procederase ao pintado de liñas en bordes e eixo, así como símbolos e unha partida de pozos e arquetas á nova rasante. O importe das obras que se van executar no lugar de Vilouta ascende a 79.810 euros, cifra na que xa se inclúe o IVE.





