[11-01-2019] Un total de oitenta familias foron atendidas dentro do programa Educación Familiar, do Concello de Ames ao longo de 2018. A través deste servizo, o departamento de Servizos Sociais ten un contacto directo coas familias, mediante o que lles presta apoio educativo e psicosocial , co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais de maltrato infantil, ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un axeitado exercicio de responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia ca introdución da perspectiva de xénero.
Durante o 2018 o programa Educación Familiar prestou asesoramento a un total de oitenta familias, 44 no ETS de Bertamiráns e 36 no ETS do Milladoiro. Esta iniciativa prioriza aquelas accións que desembocan na adquisición de competencias e habilidades por parte das familias para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas. Para elo, póñense a disposición das familias participantes alternativas, información, recursos e itinerarios socioeducativos en relación coas posibilidades do contorno; ao tempo que se favorece a súa integración, promoción e participación social.
Así, Educación familiar busca previr e atender as situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias ou grupos de convivencia alternativa, ou incluso completar o servizo de axuda no fogar cando se identifiquen situacións de carencia ou conflito que deban abordarse por medio da educación familiar. Outro dos fins é promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á mellora das capacidades educativas e melloras das situacións detectadas.
Con estes obxectivos, as educadoras familiares de Ames planifican, xestionan, desenvolven e avalían as accións que se realizarán con cada unidade familiar ao abeiro do programa. Estas actuacións inclúen entrevistas, visitas domiciliarias, coordinación cos profesionais que integran tanto o sistema de servizos sociais como outros servizos, organismos, institucións ou entidades cos que as familias se relacionan.
Luisa Feijóo, concelleira de Servizos Sociais, sinala que este “é un programa polo que apostamos, porque consideramos que constitúe un apoio fundamental as familias que están sendo atendidas, facéndoo dun xeito individualizado e con carácter integral, favorecendo a convivencia e a integración social, fomentando a adquisición de habilidades básicas e hábitos de conduta a nivel persoal e de relacións das mesmas. Así, quixemos que esta atención fose o máis completa posible, polo que a intervención non só se limita a actuacións socioeducativas e asistencias, senón que tamén se lle da un enfoque de xénero e recolle tamén actuacións enfocadas a inserción sociolaboral”.
Ademais das funcións realizadas de xeito directo sobre as familias usuarias deste programa, ao longo do 2018 dende o Servizo de educación familiar tamén se colaborou no deseño e desenvolvemento de outras actividades municipais, como son o reforzo escolar do que se beneficiaron máis de 20 nenos e nenas, a posta en marcha da vivenda de tránsito de Firminstáns, a organización do Encontro Intercultural; a posta en marcha dos Espazos de familia, onde se abordan cuestións relativas a parentalidade positiva cun enfoque poboacional, a xestión do programa de alimentos, ou as iniciativas destinadas á alfabetización de adultos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El programa de apoyo familiar de Ames asistió a 80 familias durante el año pasado"
El Correo Gallego: "Apoyo y educación para ochenta familias de Ames"
Compostela 24 horas: "O programa de educación e apoio familiar de Ames asistiu a oitenta familias no 2018"