Pestanas principais

O Concello de Ames presenta os primeiros vehículos ecolóxicos da frota municipal

Luns, 07 de xaneiro de 2019

[07-01-2019] O goberno municipal presentou esta mañá na Praza do Concello de Bertamiráns os dous primeiros automóbiles ecolóxicos que entran a formar parte do conxunto de vehículos municipais, unha furgoneta eléctrica e outra híbrida de gas e gasolina. Á presentación asistiron José Miñones, alcalde de Ames, Blas García, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, e Javier García, concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Con esta iniciativa, o goberno busca seguir traballando a favor dun modelo sostible, obxectivo que a finais de 2018 posibilitou a instalación de dous puntos de recarga para coches eléctricos.

Os dous vehículos ecolóxicos serán utilizados pola brigada de obras. A furgoneta eléctrica será utilizada polo electricista e a híbrida de gas e gasolina polo responsable da brigada, en función do elevado número de desprazamentos que se ven obrigados a realizar. A adquisición destes dous automóbiles supón un paso máis na política ambiental do concello, con vistas a que, a medida que poidan necesitarse novas reposicións dos vehículos municipais, estas sexan de vehículos menos contaminantes.

Neste senso, Javier García quixo salientar o compromiso do goberno de Ames na adopción de “medidas encamiñadas a unha mobilidade máis sostible, coa que se pretende reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación acústica”, un fin que tamén se perseguiu coa instalación o pasado ano de dous puntos de recarga para coches eléctricos en Bertamiráns e no Milladoiro.

Asemade, ao longo da presentación, Blas García quixo facer un chamamento tanto ao goberno central como ao autonómico para que se “traballe en pos dun incremento das axudas que repercutan directamente no cidadán que merque un vehículo deste tipo, o que suporía un importante estímulo na compra de vehículos menos contaminantes”. Así o actual goberno adoptou, no 2015, medidas de bonificación do 50% do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para vehículos híbridos e eléctricos.

Pola súa banda, José Miñones quixo recalcar que a aposta pola mobilidade sostible é unha idea que xa estaba presente no programa de goberno elaborado polo tripartito no inicio da lexislatura, polo que agora “o necesario sería dotar todos os anos unha partida orzamentaria para a adquisición de novos vehículos ou para adaptar os que xa hai e permiten esa conversión”.

Dous puntos de recarga
O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco: solucións de mobilidade eléctrica ecolóxica, instalou en novembro de 2018 dous puntos de recarga para coches eléctricos no municipio amesá, un na praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. O obxectivo desta iniciativa é impulsar o uso do vehículo eléctrico, tanto por parte da propia administración como da cidadanía.

Así, a recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta para os usuarios amesás durante o primeiro ano, mediante unha app móbil ou o uso de tarxetas. Os dous puntos de recarga están pensados para dar servizo non só aos condutores que residen no propio municipio, senón tamén aos usuarios de vehículos eléctricos que pasen por esta localidade.

A instalación destes puntos de recarga enmárcase dentro dunha partida orzamentaria do Concello de Ames para fomentar o uso de vehículos eléctricos, híbridos e de hidróxeno, como alternativa aos de combustible, para reducir os niveis de contaminación.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames se apunta al coche eléctrico"
El Correo Gallego: "Ames incorpora a su flota municipal dos furgonetas ecológicas "
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames presenta os primeiros vehículos ecolóxicos da frota municipal"