[05-01-2019] Gaspar, Melchor e Baltasar pasaron hoxe por Ames para saudar as nenas e nenos do concello. Ás 17:00h e ás 18:00 horas, respectivamente, os Reis achegáronse ás Oficinas municipais do Milladoiro e á Casa do Concello de Bertamiráns para deixar a súa firma no libro municipal de sinaturas. Posteriormente, recorreron as rúas das dúas localidades nun vehículo antigo, acompañados dos seus paxes e heraldos. A súa chegada aos pavillóns municipais estivo marcada polo entusiasmo das máis cativas e cativos, os cales puideron desfrutar de espectáculos de maxia e de pompas. Nos 90 minutos que durou o recibimento real repartíronse caramelos sen glute, así como chocolate con rosca para merendar. Os Reis Magos tamén entregaron os premios do concurso de Cartas de Nadal.
A tarde deste sabado de reis comezou no Concello de Ames coas Súas Maxestades acudindo ás Oficinas municipais do Milladoiro, ás 17:00h, e á Casa do Concello de Bertamiráns, ás 18:00h, para firmaren no libro de sinaturas municipal. Alí foron recibidos por diferentes membros da corporación municipal. Posteriormente, ás 17:30h e ás 18:30 horas, respectivamente, os Reis chegaron nun vehículo antigo, acompañados polos seus paxes e heraldos, aos pavillóns municipais do Milladoiro e de Bertamiráns, onde xa eran esperados por centos de nenas e nenos acompañados das súas familias.
No Milladoiro, os reis percorreron as rúas Agro do Medio e dos Cereixos, así como a Travesía do Porto, antes de chegaren ao pavillón municipal. Pola súa banda, en Bertamiráns, os Reis partiron da praza do Concello e recorreron as avenidas da Maía e da Peregrina. Nas dúas localidades producíronse cortes de tráfico esporádicos nas rúas polas que pasou a comitiva real.
O discurso do alcalde, José Miñones, marcou o inicio da Festa de Reis nos pavillóns municipais, tralo que o rei Melchor transmitiu ás nenas e nenos congregados unha mensaxe chea de ilusión e ledicia, e prometeulles non esquecer ningún fogar amesá durante a súa visita nocturna. Asemade, cada un dos tres Reis Magos trouxo de regalo un espectáculo, polo que Melchor foi o encargado de presentar o primeiro dos espectáculos. O segundo espectáculo foi presentado polo rei Gaspar, mentres que Baltasar presentou a terceira das actuacións. A primeira delas consistiu nun espectáculo de maxia e acrobacias aéreas da man da Maga Amelie, a segunda nunha demostración de pompas xigantes de Willy Pomper e a terceira baseouse nun espectáculo de luz e baile por parte de Mirror Led.
Despois da realización das exhibicións, as nenas e nenos puideron achegarse aos Reis para conversar e fotografarse con eles. Nos dous actos, que duraron aproximadamente 90 minutos cada un, serviuse chocolate con rosca para toda a veciñanza que a acudiu aos pavillóns polideportivos. Ademais, durante a tarde, o rei Melchor aproveitou para facer entrega dos premios do concurso de Cartas de Nadal ás crianzas gañadoras.
Concurso de Cartas de Nadal
Este Nadal, o Concello de Ames puxo en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa que procurou encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición, na que o lema foi no que o lema é Faille máis sitio á lingua, anímase ás crianzas a compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos sobre o uso do galego nos distintos contextos e situacións do seu día a día. Así, os cativos/as poderán compartir as súas ideas escribindo, debuxando, pintando, decorando...
No Milladoiro, os premiados foron Carlos Alberto Balboa de Andrade, do CEP Ventín, Erea Cendán Vázquez, do EEI do Milladoiro, Erín Bouzas Durán, do EEI do Milladoiro, e Iago Bouzas Durán, do CEP Ventín. En Bertamiráns, as crianzas gañadoras foron Candela Vázquez Pérez, do CEIP Agro do Muiño, Carmela e Icía Velasco Cures, do CEIP A Maía, e Mateo Sanmartín Castro, do EI O Bosque.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La magia se extendió hasta el último rincón"
Compostela 24 horas: "Ames recibe aos Reis Magos cunha gran festa en Bertamiráns e Milladoiro"