Pestanas principais

O II Torneo de Nadal Concello de Ames remata coas victorias dos equipos Bertamiráns FC “B”, BFC “A”, ED Xuventude Oroso e BFC“D”

Venres, 04 de xaneiro de 2019

[04-01-2019] Os campos municipais de Bertamiráns e do Milladoiro acolleron o mércores e o xoves desta primeira semana de xaneiro a celebración do II Torneo de Nadal de Fútbol Concello de Ames. Os gañadores do campionato resultaron o equipo B do Bertamiráns FC na categoría infantil, o equipo A do BFC en alevín, a ED Xuventude Oroso en prebenxamín e o equipo D do BFC na categoría benxamín. A entrega de trofeos recaeu nas concelleiras amesás de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González.


O Concello de Ames comezou o novo ano coa celebración da segunda edición do Torneo de Nadal de Fútbol. Durante o 2 e o 3 de xaneiro, un total de 44 equipos e máis de 580 rapaces competiron nos campos do Milladoiro e Bertamiráns nas categorías prebenxamín e alevín, que competiron o mércores, e benxamín e infantil, que disputaron o torneo o xoves.

Así, a final da categoría prebenxamín disputárona os equipos Bertamiráns FC e ED Xuventude Oroso que, despois dunha fase de penaltis moi igualada, o equipo do Outes proclamouse gañador no campo de Bertamiráns. En alevín, á final chegaron o Outes CF e o grupo A do Bertamiráns FC, resultando vencedor este último no Milladoiro.

O xoves foi a quenda das categorías infantil e benxamín. Na primeira, o equipo B do Bertamiráns FC proclamouse vencedor fronte ao o Sálvora CF, cun marcador 2-1; mentres que en benxamín, enfrontáronse os equipos A e D do Bertamiráns FC, na que estes últimos se alzaron coa vitoria cun resultado 0-2.

Trala final, chegou o momento da entrega de premios, na que o primeiro e o segundo equipo clasificado en cada categoría recibiu un trofeo colectivo. Asemade, todas as nenas e nenos participantes recibiron un obsequio por parte do Concello de Ames. As encargadas de entregar os galardóns foron Luísa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e Isabel González, concelleira de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Os equipos Bertamiráns FC “B”, BFC “A”, ED Xuventude Oroso e BFC“D” gañan o II Torneo de Nadal de Ames"