Pestanas principais

O Nadal Lúdico acompaña a 138 nenas e nenos na súa análise do Mundo Miúdo

Xoves, 27 de decembro de 2018

[27-12-2018] Este luns, 24 de decembro, comezou unha nova edición do programa Nadal Lúdico, co que o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria, que nesta edición están destinadas a reforzar as habilidades de pensamento e linguaxe dos cativos e cativas como cidadáns. O programa, no que están inscritos 138 nenos e nenas, conta con servizo de Bos días e comedor.

O Nadal Lúdico 2018 conta coa participación dun total de 138 rapaces e rapazas, dos que 88 acoden ao Milladoiro e 50 a Bertamiráns. Durante os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro, así como o 2, 3, 4, e 7 de xaneiro, os nenos/as inscritos están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata as 16.00 horas.

Este programa de conciliación, que segue un fío argumental iniciado xa na Primavera Lúdica e que se estendeu durante as conciliacións de xuño e setembro, ten como lema “Mundo Miúdo: xogando a pensar”. Así, esta iniciativa basease no proxecto de Mathew Lipman Filosofía para nenos, e ten como obxectivo que os nenos e nenas se convertan en membros da sociedade capaces de debater sobre calquera tema na busca de solucións ao tempo que reflexionan de xeito ordenado e respectuoso cos demais. Para iso, realizaranse diversas actividades destinadas a exercitar o seu pensamento crítico, desenvolver o pensamento creativo e familiarizarse co pensamento ético.

Neste senso, o bloque apoiarase na lectura dramatizada da obra de Carlos Casares “Galiña Azul”, na que os nenos e nenas formarán parte da pequena aldea que aparece neste libro debendo tomar decisións sobre o futuro destas galiñas tan peculiares. Tamén realizarán unha xincana de Participación Cidadá, centrada na análise do lugar onde viven a través dos seus ollos, para sinalar os problemas que detectar e buscar posibles solucións. Asemade, os e as cativas organizarán e deseñarán unha campaña electoral.

Ademais das actividades temáticas, os rapaces e rapazas tamén levan a cabo dinámicas de relaxación, xogos de lóxica en grupo que lles facilitan a toma de decisións de maneira crítica, así como xogos de auga ou actividades de cooperación, todo elo dende unha perspectiva coeducativa de xénero e igualdade. Tamén ocupan un lugar importante no día a día dos nenos e nenas actividades como o batedor de linguas, dinámicas de oratoria e animación á lectura.

O batedor de linguas
Mediante xogos, cancións e contos, os nenos e nenas divírtense mantendo o contacto con outros idiomas e culturas do territorio español e estranxeiro dunha forma natural e espontánea. Deste xeito, quérese concienciar da importancia das linguas, non soamente como instrumento de comunicación, senón como elemento de construción da propia identidade e da cultura a que se pertence, ao tempo que se defende a lingua propia e as linguas próximas.

Dinámicas de oratoria
Ao longo da vida das persoas, a comunicación convértese nun dos aspectos máis importantes, pero as veces, tamén nun dos máis desatendidos. Para evitalo, a través de dinámicas e xogos lúdicos, os monitores traballan a oralidade e tentan dotar aos nenos e nenas de ferramentas e recursos que lles permitan mellorar a súa capacidade de oratoria e linguaxe, así como a expoñer os seus pensamentos e reflexións de forma creativa, clara e ordenada.

Animación á lectura
Outro dos obxectivos principais é aproximar aos nenos e nenas o gozo pola lectura. Con este fin, non só se realizan lecturas ligadas á temática proposta, senón que tamén tenta crear un espazo para as suxestións persoais dos rapaces e rapazas que traian as súas lecturas da casa e queiran compartir cos compañeiros e compañeiras do programa. Así, mediante os libros, os usuarios/as deste programa coñecen diferentes realidades e amplían os seus valores ao tempo que traballan a súa concentración e a capacidade de atención.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El plan navideño de conciliación de Ames tiene este año 138 usuarios"
El Correo Gallego: "Continúa o concilia amesán Nadal Lúdico con 138 rapaces"
Compostela 24 horas: "Preto de 140 nenos divírtense a aprenden no Nadal Lúdico de Ames"