[21-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza durante o sábado 29 de decembro, a partir das 10.00 horas, o segundo Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3 Concello de Ames. Este torneo desenvolverase no pavillón municipal do Milladoiro. Ademais, vanse organizar outras actividades deportivas durante decembro e xaneiro como son o II Torneo de Nadal de baloncesto, a XII Carreira Ciclista do Pavo e mailo II Torneo de Nadal de fútbol. Estas actividades enmárcase dentro da programación municipal de Nadal. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o regulamento do torneo e mailo impreso de inscrición.
O Concello de Ames organiza o segundo Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3 Concello de Ames, que se desenvolverá no pavillón municipal do Milladoiro, o sábado 29 de decembro, a partir das 10.00 horas. Haberá dúas categorías: absoluta (para homes de máis de 16 anos) e feminina (para mulleres de máis de 14 anos). Para tramitar as inscricións ou obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 – 981 535 940. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Haberá que entregar a ficha de inscrición cuberta e mailo resgardo de pagamento. As inscricións para participar permanecerán abertas ata o xoves, 27 de decembro, ás 14:00 horas.
Por outra banda, o II Torneo Nadal de Baloncesto Concello de Ames celebrarase o mércores 26 e mailo xoves 27 de decembro, nos pavillóns polideportivos municipais. Haberá competición nas categorías preminibásquet (2009-2010), minibásquet (2007-2008) e infantil (2005-2006). Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas, xa está completa. Xa en xaneiro, os días 2 e o 3 dese mes, terá lugar o II Torneo Nadal de Fútbol Concello de Ames, o cal se desenvolverá nos campos de fútbol do concello. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.
De igual maneira, tamén será preciso anotarse se se quere participar da XII Carreira Ciclista do Pavo, que terá lugar o domingo, 23 de decembro, nas inmediacións do parque do Río Ameneiral, en Bertamiráns. A actividade incluirá xincanas para as máis pequenas e pequenos da casa a partir das 11:00 horas. Ás 12:00h dará inicio a carreira. As inscricións poden realizarse: de xeito previo enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou o propio día da carreira, a partir das 10.00 horas, na carpa da organización situada nas inmediacións do parque do Río Ameneiral.
IV Campus Meigas de Trasgos de fútbol sala
A programación deportiva para este Nadal complétase coa organización do IV Campus de Fútbol Sala, que está organizado polo FC Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e co Concello de Ames. O campus, que terá lugar entre o 26 e o 28 de decembro, desenvolverase no pavillón municipal de Bertamiráns, en horario de 10.00h a 14.00 horas.
Esta actividade está dirixida a nenas e nenos nados do 2002 e o 2013. A inscrición nesta actividade pódese facer a través dos enderezos de correo electrónico fcmeigas@gmail.com ou efstrasgos@gmail.com. Tamén se pode efectuar, chamando ao número de teléfono 670 51 81 20. Existen un número máximo de 50 prazas dispoñibles. O prezo por participante é de 40 euros, cun desconto de 5€ para as nenas e nenos do FC Meigas e das EFS Trasgos. Para obter máis información sobre esta actividade, pódese visitar a páxina web www.fcmeigas.com.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames organiza o II Torneo de Nadal de fútbol sala 3x3"