Pestanas principais

Últimos tres días para inscribirse no Festival Cinema Crianza

Mércores, 29 de agosto de 2018

[29-08-2018] Os interesados en participar na segunda edición do Festival Cinema Crianza teñen ata este venres, 31 de agosto, para inscribir as súas obras e optar a dous premios de 500€ no caso das curtametraxes e 250€ no caso das longametraxes elixidas para a súa exhibición no Festival, que se celebrará en novembro. A inscrición ao festival é gratuíta, e deberá realizarse a través da plataforma FilmFreeWay ou Festhome, ás que tamén pode accederse por medio da páxina web www.cinemacrianza.com.

Tralo éxito acadado na pasada edición, na que se recibiron máis de 2.500 propostas procedentes de todo o mundo, o concurso está aberto a películas de todas as procedencias co obxectivo de garantir unha programación diversa e intercultural, que amose a actualidade da produción cinematográfica de ámbito infantil e reflicta o mundo da infancia dende unha óptica global. Asemade, poden inscribirse tanto curtametraxes como longametraxes pertencentes a xéneros de ficción, documental ou animación, sempre que sexan obras orientadas a un público infantil.

As curtametraxes seleccionadas que competirán no concurso dividiranse nas categorías ‘Axóuxeres’, na que entrarán todas aquelas orientadas a cativos/as de 0 a 3 anos con duración máxima de 10 minutos; e ‘Buxainas’, formada polas obras de menos de 25 minutos dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos. Estas obras finalistas poderán optar a dous premios de 500€, en función do rango de idade ao que vaian dirixidas.

Tamén haberá diversas sesións fóra de concurso completando o programa, nas que se proxectarán longametraxes dirixidas a un público infantil, que recibirán unha taxa única de 250€ pola súa exhibición no Festival.

O Festival Cinema Crianza nace no ano 2017 como o primeiro festival internacional de cine infantil en Galicia. O obxectivo deste proxecto, organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, é reivindicar o audiovisual como ferramenta pedagóxica ao tempo que busca promover o gusto polo cinema entre os máis cativos e contribuír á formación dun público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual.