Pestanas principais

O Pazo da Peregrina acolle o día 10 de xullo o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago

Venres, 06 de xullo de 2018

[06-07-2018] O Concello de Ames colabora coa Deputación da Coruña para desenvolver o martes, 10 de xullo, ás 10.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago. Este proxecto ten como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na provincia. É un plan de acción dirixido a establecer liñas estratéxicas de actuación a nivel provincial. Preténdese que Compartimos Plan sexa un proxecto dinámico, participativo e colaborativo, polo que se este foro está aberto a toda aquela persoa ou entidade que queira participar (tecido asociativo, centros educativos, centros de saúde, corpos de seguridade, etc.).

A Deputación da Coruña leva desenvolvendo durante estes meses o estudo de diagnose do proxecto Compartimos Plan, consciente de que é necesario detectar as necesidades existentes en materia de igualdade de xénero nas diferentes comarcas da provincia da Coruña, para poder despois articular un conxunto de medidas e accións dirixidas a favorecer a equidade de xénero no ámbito provincial. En Compartimos Plan é necesario contar con todas/os as/os axentes chave do territorio, isto é, coas administracións locais, organizacións locais e demais entidades públicas e privadas da provincia.

Por iso, o Concello de Ames colabora nesta iniciativa realizando o martes, 10 de xuño, ás 10.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o Foro de diagnose do proxecto Compartimos Plan na comarca de Santiago. Deste xeito, desenvolverase unha xornada de traballo para amosar unha mostra do que ata o de agora se recolleu no estudo de diagnose. É importante que todas as persoas que asistan a este foro confirmen a súa asistencia a través desta ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdHADqJJSpZnCAcg-RRDG3L9ScghbE_wsk5xpTg8eDa_tMUag/formResponse ou na páxina web www.compartimosplan.com.

A información que se obteña en dito foro permitirá definir mellor as áreas de actuación para a implementación de políticas de igualdade e mellorar a asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos na execución das súas competencias, e por suposto, para a elaboración dos orzamentos anuais pola sección de Servizos Sociais da Deputación da Coruña, de forma axeitada ás necesidades detectadas e ás prioridades establecidas.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "O Pazo da Peregrina acolle o día 10 de xullo o Foro de diagnose do proxecto "Compartimos Plan" na comarca de Santiago"