[28-06-2018] A bandeira do arco da vella volve ondear no balcón da Casa do Concello de Ames. A súa colocación atende á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, que se celebra cada 28 de xuño. Ademais de colgar a bandeira o Concello difundiu un manifesto que incide na igualdade de todos os seres humanos tanto en dignidade coma en dereitos; o reparto de material como chapas e mochilas, e unha solta de globos a través da cal se tinguiu o ceo de Bertamiráns coas cores do arco da vella. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o manifesto municipal do Día do Orgullo LGTBQI.
“Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos”, así comeza a declaración institucional do Concello de Ames con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBQI. En dito manifestou maniféstase que “esta Corporación está comprometida co desenvolvemento e implementación de políticas e servizos que velen por unha garantía de igualdade efectiva con independencia da súa condición sexual e identidade de xénero, como elemento esencial para a convivencia, o progreso e o desenvolvemento social”. Ademais, incide en que “as Entidades locais, somos a porta de entrada e o primeiro termómetro das necesidades da cidadanía e salvagarda da convivencia cidadá e non discriminación, con independencia da súa raza, relixión, sexo, idade, procedencia ou condición sexual”.
Esta declaración institucional leuse esta mañá no acto de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBQI, que organizou o Concello de Ames. Ademais, fíxose entrega entre os/as asistentes de diverso material como chapas e mochilas, e este ano, como novidade, realizouse unha solta de globos a través da cal se tinguiu o ceo de Bertamiráns coas cores do arco da vella. O manifesto foi lido por varios membros da corporación municipal e pola técnica do Centro de Información á Muller, Mónica Antelo. Por último, colocouse a bandeira do arco da vella nun dos balcóns laterais da Casa do Concello.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, incidiu en que “non podemos permitir que nunha sociedade avanzada e nos tempos en que estamos se sigan a producir casos de desigualdade, discriminación, acoso, bullyng e burla por mor da identidade sexual ou de xénero. Agora máis que nunca é necesario sacar a rúa a nosa repulsa e informar, sensibilizar, visibilizar a problemática a que se enfronta o colectivo LBGTQI para que non siga a ocorrer. E nesta loita debemos estar todos e todas. Todos e todas somos diferentes e somos iguais. Na diversidade está a riqueza”.