Pestanas principais

As comisións informativas previas ao pleno de xuño abordaron a aprobación da ordenanza para a protección e conservación dos camiños públicos municipais

Luns, 25 de xuño de 2018

[25-06-2018] Este pasado venres, 22 de xuño, celebráronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste xoves 28 de xuño. En primeiro lugar, tratouse a aprobación dunha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, a sexta modificación da Relación de Postos de Traballo, a aprobación das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames, e a solicitude dunha traballadora municipal da correspondente autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada como arquitecta en horario de tarde. Ademais, abordáronse sete propostas presentadas por parte dos grupos municipais de Pacto por Ames, Ames Novo, PSdeG-PSOE e polo goberno municipal.

O Concello de Ames vén de elaborar unha ordenanza para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais, fronte aos danos e deterioro que poidan sufrir como consecuencia principalmente das sacas de madeira, mais tamén da circulación e transporte de vehículos agrícolas de grandes dimensións ou mesmo de vehículos de recreo como quads, motocicletas e outros similares. A ordenanza tamén aborda os prexuízos ou residuos que poidan xerar actividades de carácter deportivo ou cultural. O goberno municipal proporá a aprobación desta ordenanza no pleno ordinario deste mes de xuño.

A nova ordenanza elaborada polo goberno municipal contempla diferentes aspectos, entre os cales destaca a obrigatoriedade de comunicar ao Concello as talas que se irán realizar con 15 días hábiles de antelación. Dita comunicación non eximirá da obriga de obter os permisos e licenzas procedentes conforme á normativa sectorial. Alén diso, a realización doutras actividades, distintas das de saca de madeira, non terá porque ser comunicada á administración local nin estará suxeita á obtención dunha autorización, salvo no caso da organización de eventos. Malia isto, estas actividades rexeranse igualmente polo réxime sancionador establecido na ordenanza.

Cómpre destacar, así mesmo, que o Concello contará coa prerrogativa de denegar ou limitar o acceso ao lugar de depósito da madeira por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, sempre de forma motivada en función de diferentes causas como o estado ou a resistencia do firme, entre outras. A nova normativa tamén estipula que as vías públicas non poderán ser utilizadas para o almacenamento da madeira.

Sexta modificación da RPT
Asemade, abordouse a sexta modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que consiste na adecuación da valoración do complemento de destino de determinados postos que foron reclasificados no convenio colectivo como consecuencia da entrada en vigor do EBEP, pasando do grupo III ao grupo II. Ditos postos foron os de educador/a infantil, animador/a deportivo/a, animador/a cultural e técnico/a de dietética. A puntuación do complemento de destino do animador/a deportivo e cultural pasan de 325 a 350 puntos o que fai que suban de nivel do 18 ao 20, co pertinente incremento económico. No posto de educador/a infantil e técnico/a de dietética increméntase a puntuación do complemento de destino, pero non lles supón un cambio de nivel polo que seguen mantendo o nivel 20 e a mesma retribución económica.

Tamén se tratou a aprobación das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames. Aprobadas as bases, procederase a súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles. De seguido, examinaranse as solicitudes presentadas e procederase por maioría absoluta á elección de xuíz/a de paz substituto do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Outro dos temas abordados foi a solicitude dunha traballadora municipal da correspondente autorización de compatibilidade para o exercicio de actividade privada como arquitecta en horario de tarde.

Propostas presentadas ao Pleno
Por outra banda, abordáronse sete propostas presentadas por parte dos grupos municipais de Pacto por Ames, Ames Novo, PSdeG-PSOE e polo goberno municipal. Pacto por Ames presentou catro propostas sobre a instalación de desfibriladores nos vehículos da Policía Local; para a creación dun espazo na web do concello na que se poidan ver as mocións e propostas presentadas pola oposición e o seu grao de cumprimento; sobre a instalación da EDAR de Santiago de Compostela; e para dotar de saneamento a un grupo de casas próximas a nova urbanización de Covas.

Ademais, presentouse unha proposta conxunta do goberno municipal sobre a planta de reciclaxe da Casalonga; o PSdeG-PSOE presentou unha proposta sobre a recuperación ambiental do río Sar; e o grupo municipal Ames Novo presentou unha proposta para impulsar unha ordenanza municipal de protección animal e convivencia.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames blindará sus caminos y va a obligar a notificar talas"