Pestanas principais

As comisións informativas abordan a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do S-05 para ampliar o CEIP Agro do Muíño

Martes, 20 de marzo de 2018

[20-03-2018] Este pasado venres, 16 de marzo, celebráronse dúas comisións informativas para abordar os temas que se debaterán no pleno extraordinario deste xoves 22 de marzo. En primeiro lugar, tratouse a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña), que permitirá ampliar dito colexio e dispor de 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. Ademais, falouse da resolución dun recurso de reposición presentado por un traballador municipal ante a sentenza ditada no pasado mes de novembro polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Santiago de Compostela.

O goberno municipal leva este xoves a un pleno extraordinario a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) co obxectivo de cederlle dito terreo á Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Deste xeito, poderíase ampliar o CEIP Agro do Muíño. A aprobación inicial de dita modificación foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado 19 de outubro de 2017. O documento aprobado inicialmente someteuse a información pública, con notificación individual aos titulares catastrais dos terreos afectados. Ao mesmo tempo solicitáronse das administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas perceptivos. Durante o trámite de información pública presentáronse tres alegacións, que foron desestimadas no informe emitido en febreiro de 2018 pola arquitecta municipal.

Este centro de ensino estase ampliando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. En concreto os traballos consistiron na habilitación de 3 aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos. O novo volume construído conta cunha superficie útil total de 243,75 metros cadrados, reproducindo as pautas arquitectónicas do edificio preexistente. Ademais pavimentouse a zona entre o edificio existente e a ampliación, para patio dos alumnos e renovouse o caucho e o equipamento da zona de xogos de infantil. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no concello de Ames.

Ademais, nunha segunda fase vanse a executar 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. Para iso o Concello de Ames tivo que realizar unha modificación do plan parcial do S-05. Se o Pleno lle dá luz verde a dita modificación, o Concello de Ames terá que asinar un convenio coa Consellería de Educación. A partir de aí será a Xunta de Galicia a que teña que redactar o proxecto e licitar as obras de ampliación.

A través desta modificación o que se fai é unir á parcela onde está situado o colexio unha superficie de espazos verdes. A superficie de espazos verdes ascende a 4.345 m2 que unidos ós 10.300 m2 actuais do colexio dan unha superficie total de 14.645 m2, co que se garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións. Dita superficie pública, que pasa a unirse á parcela do colexio, substitúese por unhas parcelas que son propiedade do Concello e que serán destinadas a zonas verdes públicas.

Resolución dun recurso de reposición
Por outra banda, falouse da resolución dun recurso de reposición presentado por un traballador municipal ante a sentenza ditada no pasado mes de novembro polo xulgado do contencioso administrativo número 2 de Santiago de Compostela. Dito traballador presentou en febreiro de 2017 un recurso de reposición contra a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT do Concello de Ames. No Pleno de abril de 2017 desestimouse o recurso de reposición. Posteriormente, o traballador presentou un recurso contencioso administrativo contra dito acordo plenario que foi estimado parcialmente. Mediante decreto de alcaldía no pasado mes de decembro procedeuse a executar a sentenza ditada en firme.

Agora, o Pleno deberá aprobar, se procede, a desestimación das alegacións presentadas polo traballador no trámite de audiencia de febreiro de 2018 e desestimar o recurso de reposición presentado polo interesado, no sentido de concluír que as funcións de preparador deportivo non son as mesmas que as de animador deportivo, polas razóns que figuran en varios informes, polo que a valoración e a retribución polo concepto de complemento especifico é distinto.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Las comisiones informativas abordan la aprobación definitiva de la modificación del plan parcial del S-05 para ampliar el CEIP Agro do Muiño"
Ames Go: "O Pleno do xoves, 22 de marzo, aprobará a cesión de terreos para ampliar o CEIP Agro do Muiño"