Pestanas principais

1.200 persoas asistiron esta fin de semana ao Festival Cinema Crianza

Luns, 18 de decembro de 2017

[18-12-2017] A primeira edición do festival internacional de cine infantil Cinema Crianza celebrouse esta fin de semana no Concello de Ames. Durante tres días, as casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns enchéronse de curtametraxes e longas internacionais que reivindicaron o audiovisual como ferramenta pedagóxica e de exploración do mundo para as crianzas. O xurado do festival, que estivo conformado polos guionistas Nico Campos e Araceli Gonda, así como pola produtora Amalia Mato, escolleu a curta canadense “Sunny & Gerd in Spring cleaning” como a gañadora da categoría “Axóuxeres”. A curta sueca “Bitchboy” acadou, pola súa banda, o galardón na categoría “Buxainas”. Mención especial mereceron a brasileira “New Toy”, na categoría “Axóuxeres”, e a italiana “Il regalo de Alice”, na categoría “Buxainas”.



Curtametraxes, música e pedagoxía na segunda xornada do Cinema Crianza

Máis de 420 persoas asistiron ao Cinema Crianza ao longo da xornada do sábado. Ese día, as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns acolleron a proxección de catro sesións de curtametraxes a concurso. O sábado, destacou especialmente a sesión de videoclips que contou coa presenza da cantante Uxía, quen interpretou algúns dos seus temas en directo, convertendo o auditorio do Milladoiro nunha auténtica sala de baila. O encontro pedagóxico “Audiovisual e ensino: Colectivo Recreo e Cinema en Curso” tamén se desenvolveu nesta segunda xornada do Cinema Crianza.

Remate do Cinema Crianza coa proxección das curtas gañadoras
O domingo o festival de cine infantil alcanzou as 570 persoas asistentes. Esta última xornada do festival acolleu a proxección das curtas da Editorial OQO e a exhibición dunha escolma de traballos do proxecto educativo “Cinema en Curso”. Así mesmo, tamén se proxectaron catro sesión de curtametraxes a concurso e celebrouse unha sesión de videoclips musicais da man de Magín Blanco. A sesión de clausura tivo lugar a partir das 21:00 horas, de xeito simultáneo, nos dous emprazamentos do festival. Nico Campos, Araceli Gonda e Amalia Mato, membros do xurado desta primeira edición do Cinema Crianza, escolleron a curta canadense Sunny & Gerd in Spring cleaning como a gañadora da categoría “Axóuxeres”. A curta sueca Bitchboy acadou, pola súa banda, o galardón na categoría “Buxainas”. Mención especial mereceron a brasileira New Toy, na categoría “Axóuxeres”, e a italiana Il regalo de Alice, na categoría “Buxainas”.

O festival de cine infantil Cinema Crianza deu comezo a tarde do venres, 15 de decembro, cunha sesión de inauguración na que estiveron presentes o concelleiro de Cultura do Concello de Ames, David Santomil, e o director creativo do Festival Cinema Crianza, Marcos Nine. Durante a presentación, ambos falaron da relevancia do certame (o único en Galicia que proxecta filmes infantís internacionais), así como da importancia do audiovisual como ferramenta para a educación dende idades temperás, de coñecemento e de exploración do mundo e de fomento da capacidade creativa das máis pequenas e pequenos.

Após a presentación, deuse inicio ao festival que proxectou, ao longo da fin de semana, 70 curtametraxes chegadas desde os cinco continentes. As pezas exhibidas competiron nas dúas categorías competitivas existentes: “Buxainas” (para nenas e nenos desde os 7 anos) e “Axóuxeres” (para bebés). Ademais, o Festival Cinema Crianza tamén acolleu, durante estes días, as proxeccións de diferentes videoclips de coñecidos músicos galegos como Magín Blanco, Paco Nogueiras ou Uxía, así como longametraxes para pequenas, pequenos e maiores.

A xornada do venres inaugurouse, no Milladoiro e en Bertamiráns, coa proxección dunha escolma de curtametraxes de Lotte Reiniger, cineasta alemá pioneira do cinema de animación, coñecida polas súas curtametraxes con marionetas, nas que levou, por vez primeira, os contos clásicos e a música de Mozart á pantalla. Unha vez finalizada a proxección de curtas, deusa paso a unha sesión dobre de longametraxes. No Milladoiro, exhibíronse os filmes A casa da luz, do realizador galego Carlos Amil, e Dous mundos, película polaca que aborda a historia dunha nena cuxa nai e pai son xordos. En Bertamiráns, as persoas asistentes puideron visionar o filme alemán Ao nivel dos ollos, así como o afamado documental francés Só é o principio.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un corto canadiense y otro sueco vencen en el Cinema Crianza"