Pestanas principais

Preséntanse os Puntos de Igualdade no CEP de Ventín e no CEIP da Maía

Martes, 21 de novembro de 2017

[21-11-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, presentaron hoxe, xunto coas dúas técnicas municipais do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe e Mónica Antelo, os Puntos de Igualdade do concello. A presentación realizouse tanto no CEP de Ventín como no CEIP da Maía, os dous primeiros centros en acoller esta nova iniciativa, que busca promover, desde o ámbito educativo, a igualdade de homes e mulleres na nosa sociedade. Os Puntos de Igualdade son, polo tanto, dous puntos móbiles conformados por diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero. Os Puntos de Igualdade irán rotando polos diferentes centros educativos de Ames e polas bibliotecas municipais, co obxectivo de ofrecer recursos ao profesorado e ás familias para dialogar coas crianzas sobre a importancia da igualdade.

Os Puntos de Igualdade están conformados por obras orientadas ás diferentes idades da infancia. O obxectivo desta iniciativa é promover entre as nenas e nenos a importancia da igualdade de xénero a partir da lectura dalgún dos libros. Desta maneira, a iniciativa entende cada obra literaria como un recurso educativo de primeira orde á hora de promover valores de respecto e tolerancia fronte á diversidade e de normalizar outros xeitos de ser e de sentir. “Moitas veces, o cambio está nas pequenas cousas que facemos a diario, na mudanza de crenzas, actitudes e comportamentos. Neste sentido, a educación en igualdade cobra unha importancia fundamental para o futuro das novas xeracións”, destacou a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, durante a presentación.

Outro dos obxectivos principais desta iniciativa é o de achegar, ás familias e ao profesorado, unha serie de recursos necesarios para o diálogo coas crianzas arredor destes temas. Alén diso, unha das vantaxes que presentan os Puntos de Igualdade é o feito de que ao estaren reunidas as obras, estas resultan moito máis identificables para o alumnado nas escolas e nas bibliotecas. “Desde o Concello de Ames, quixemos que estas obras fosen un reflexo dunha sociedade que avanza, que cada día é un pouco máis
igualitaria e que pon en valor a existencia da diversidade. En definitiva, quixemos unhas obras que promovesen a idea de que todas e todos, independentemente do noso sexo ou orientación sexual, podemos elixir libremente os noso soños e contar coas mesmas oportunidades para alcanzalos”, engadiu Luísa Feijóo. 

Pola súa banda, o alcalde de Ames, José Miñones, destacou igualmente a importancia dunha educación en igualdade: “O ensino é unha grande ferramenta para as mudanzas sociais, sempre e cando cumpra unhas determinadas condicións. O goberno municipal acredita na necesidade dunha educación afastada dos estereotipos de xénero, como un elemento chave á hora de acadar un mundo no que exista unha igualdade real entre homes e mulleres. Por este motivo, gustaríame destacar a importancia de iniciativas como esta que, entre outras cousas, ofrecen novos referentes, en moitos casos descoñecidos, ás nenas e nenos”.

Os Puntos de Igualdade inclúen títulos como Agora chámome Luísa, Un mundo de mamás, As bonecas son para as nenas, Érase dúas veces os tres porquiños, Pequena & Grande Marie Curie, Unha chea de familias ou A Cenicenta que non quería comer perdices.