[16-11-2017] Este mércores, 15 de novembro, celebrouse un pleno extraordinario con marcado carácter económico. Nesta sesión plenaria aprobouse o suplemento de crédito 1/2017 de 40.559,96 euros, para a obra de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns; a modificación do anexo de investimentos 2/2017 para recoller 13 actuacións que se executarán con cargo á partida orzamentaria de Orzamentos Participativos; e unha transferencia de crédito por valor de 251.407,21 euros para realizar varias obras municipais. Os concelleiros e concelleiras luciron as camisetas da campaña “Ames en Negro”, que se desenvolvera no termo municipal amesá os días 23, 24, 25 e 26 de novembro.
Transferencia de crédito
Coa aprobación deste punto farase unha transferencia de 8.887,73 euros da partida de fomento do emprego e outra de 66.783,75 euros da partida de asistencia social. Así, estes 75.671,48 euros pasarán á partida de pavimentación de vías publicas, para dotar de financiamento ás obras de accesibilidade na rúa Alcalde Lorenzo; mellora do aglomerado da rúa Raxoeira; a reparación, mantemento e conservación de infraestruturas municipais; obras de accesibilidade na rúa Pesqueiras, entre outras obras.
Ademais, unha partida de 53.750 euros da área de fomento do emprego destinarase á reposición de luminarias de alumeado público; para a acometida da rede de baixa tensión do cemiterio municipal; e para a recollida de residuos (traballos realizados polo Mancomunidade).
Outra partida de 24.156,22 euros das áreas de fomento do emprego e asistencia social destinaranse a obras de mellora da accesibilidade para mellorar os accesos ao parque infantil da Travesía do Porto; restauración e adaptación do parque infantil de Guimaráns; e reparación, mantemento e conservación de infraestruturas e bens naturais. Tamén se fará unha transferencia de 97.829,51 euros para executar 12 actuacións aprobadas pola Comisión de Orzamentos Participativos.
Abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns
Por último, aprobouse por unanimidade o suplemento de crédito 1/2017. Neste caso propúxose a aprobación inicial do expediente de modificación do orzamento Suplemento de crédito 1/2017, financiado con recursos procedentes de operacións de crédito para os gastos de investimento (PAI 2016 Complementario). Mediante resolución da presidencia da Deputación da Coruña aprobouse destinar o importe da rebaixa producida na contratación das obras do cemiterio municipal a obra de ampliación do abastecemento de auga en Guimaráns e Quistiláns (40.559,96 euros), que xa fora aprobada polo Concello na solicitude do PAI 2016.
En primeiro lugar aprobouse a ratificación da urxencia da convocatoria, que foi aprobada cos votos a favor dos/as concelleiros/as do goberno municipal, dos grupos do Partido Popular e de Ames Novo, así como do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís de Pacto por Ames, abstivéronse. A urxencia de dita convocatoria estivo motivada pola necesaria modificación do Anexo de Investimentos 2/2017, para executar 13 actuacións por valor de 104.480,33 euros, con cargo aos Orzamentos Participativos. Cómpre lembrar que no pasado pleno ordinario do mes de outubro aprobouse a modificación do Anexo de Investimentos 1/2017, para incluír con cargo ao crédito consignado para os Orzamentos Participativos 5 actuacións por valor de 27.519,67 euros. Todos estes proxectos teñen que executarse antes do 31 de decembro de 2017.
Deste xeito, a corporación municipal aprobou a modificación do Anexo de Investimentos 2/2017 cos votos a favor dos/as concelleiros/as do goberno municipal, dos grupos Ames Novo e Pacto por Ames, así como do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular, abstivéronse. Así, dótase de crédito a 13 actuacións que se executarán en Augapesada, Biduído, A Tarroeira, Tarrío, Trasmonte, Guimaráns, Covas, Lens, Piñeiro, Tapia, Suevos, Sorribas, Salgueiro, Ameixenda, entre outros lugares, e que suman un importe de 104.480,33.
Outro dos motivos que propiciou a celebración de dito pleno extraordinario foi a necesidade de transferir crédito dunha área a outra, para que o goberno poida seguir facendo xestión municipal ata final de ano. Ao igual que no punto anterior o Pleno aprobou unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto que ascende a unha contía de 251.407,21 euros, cos votos a favor dos/as concelleiros/as do goberno municipal, dos grupos Ames Novo e Pacto por Ames, así como do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular, abstivéronse.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames reubica en obras partidas por 251.407 € para continuar su gestión hasta finales de año"
La Voz de Galicia: "Ames modifica el presupuesto para incluir obras en el rural"
Lindeiros: "Ames celebra un pleno extraordinario dedicado a asuntos económicos"