[11-11-2017] O goberno municipal vén de enviarlle un carta á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e ao alcalde de Santiago de Compostela, para tratar de solucionar o problema de retencións que se leva producindo na SC-20 (avenida de Antón Fraguas) do Milladoiro a Santiago de Compostela. De luns a venres, en horario de 08:30 a 09:30 horas, hai retencións de vehículos de ata dous quilómetros. O goberno municipal de Ames solicita a colaboración do Concello de Santiago, para buscar solucións co obxectivo de solicitarlle ao Ministerio de Fomento algunha medida que minore a incidencia que se está producindo en dita zona.
A situación do tráfico rodado na SC-20 (avenida de Antón Fraguas) dirección Santiago de Compostela, dende O Milladoiro, ten todas as mañás retencións de ata 2 quilómetros en horario de 8:30 a 9:30 horas. O problema principal débese á reincorporación que se fai desde a avenida de Antón Fraguas á rotonda para accede a rúa Volta do Castro. O tráfico nesta rotonda bloquea todo o carril dereito de dita avenida, provocando retencións que chegan ata o núcleo do Milladoiro. O bloqueo deste carril dereito ocasiona un dobre problema de circulación, por un lado a incorporación dos vehículos que veñen da autovía AG-56 ao tratar de reincorporarase a este avenida dirección Santiago, e por outro, o bloqueo do carril esquerdo na propia avenida ata a saída á mesma rotonda.
Esta situación fai que todos os vehículos se van dirección Santiago desde O Milladoiro, Teo ou mesmo dende a N-550 (uns 600 vehículos nesa franxa horaria), así como aqueles que van dende Bertamiráns, Brión ou Noia, conflúan no mesmo punto, facendo da avenida de Antón Fraguas un nó de circulación. Para tratar de buscar unha solución a este problema o Concello de Ames remitiulle unha carta ao alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, co obxectivo de solicitarlle ao Ministerio de Fomento algunha medida que minore a incidencia que se está producindo en dita zona.
Asemade, solicítaselle ao departamento de tráfico do Concello de Santiago que emita os informes necesarios e mesmo poidan buscar posibles solucións para expoñelas nunha posible xuntanza no Ministerio de Fomento. Tamén se pide, que mentres ditas solucións non chegan, a Policía Local de Santiago regule o tráfico en dita rotonda co obxectivo de desatascar a acumulación de vehículos que se produce, e dándolle prioridade aos vehículos que se incorporan a dita rotando sobre aqueles que veñen da avenida Xosé Filgueira Valverde e de Santiago a través da rúa Volta do Castro. Iso permitiría reordenar o tráfico e serviría como medida provisional.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “hai que buscarlle unha solución a este problema porque un tramo de dous quilómetros de lonxitude que ben se podería facer en dous minutos, convértense en máis de 15 minutos durante a primeira hora da mañá de luns a venres. Moitos dos afectados son veciños e veciñas de Ames, polo que haberá que buscar unha solución conxunta, tanto a curto como a longo prazo, co Concello de Santiago e coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames reclama soluciones a las retenciones diarias en la SC-20"
La Voz de Galicia: "Ames exige soluciones a los atascos entre Milladoiro y Santiago"