Pestanas principais

O alumnado do terceiro curso de Primaria do CEP de Ventín realizou o camiño histórico ambiental que vai de Augapesada á Ponte Maceira

Venres, 03 de novembro de 2017

[03-11-2017] Esta semana, dous dos grupos de terceiro de Primaria do CEP de Ventín realizaron unha pequena excursión. Organizada pola Aula da Natureza, a saída consistiu na realización do camiño histórico ambiental que vai desde Augapesada á Ponte Maceira. Ao longo do traxecto, fíxose especial fincapé nos aspectos naturais da ruta, sen deixar de lado referencias de carácter histórico como a da batalla na zona de Carballo, en Trasmonte, pola posesión das Torres de Altamira.

A ruta comezou en Augapesada, onde se lles presentou a actividade ás nenas e nenos do terceiro curso de Primaria do CEP de Ventín. Xa ao comezo da ruta, o alumnado puido apreciar a grande seca deste outono: o Rego dos Pasos, que discorre baixo a ponte de Augapesada, estaba practicamente sen auga. Desde este punto, as nenas e nenos subiron a costa de Mar de Ovellas. Alí, realizouse unha pequena parada para explicar a toponimia do lugar. O nome deste alto, Mar de Ovellas, débese a que antes era un vasto terreo de pasto. A explicación serviu para falar da evolución do uso dos terreos agrícolas e forestais ao longo do tempo.

A segunda das paradas produciuse no Monte Escolar, situado no lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte. Aquí, as nenas e nenos coñeceron os traballos de limpeza e plantación de especies forestais, que tanto o colexio de Ventín como outros centros educativos do concello veñen realizando desde 2006. Neste espazo, introduciuse o tema dos lumes. O alumnado estaba moi impresionado pola última vaga de incendios producida en Galicia a mediados de outubro. 

A parada “histórica” produciuse en Susavila de Carballo, onde tivo lugar a batalla entre as tropas leais a Altamira e as fieis ao arzobispado de Santiago, polo control das terras da Maía. Reino e Burgueiros, ambos situados na parroquia de Trasmonte, serviron, pola súa banda, para ilustrar a conformación dunha paisaxe rural. A ruta rematou coa chegada á Ponte Maceira, onde as nenas e nenos gozaron dun merecido anaco de ocio. 



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Alumnos de Ventín recorren el vial de Augapesada a Agrón"