Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro Poesía para tirar o medo encadrado dentro da programación do Apego do Concello de Ames

Xoves, 02 de novembro de 2017

[02-11-2017] O vindeiro sábado, 11 de novembro, desenvolverase, na Casa da Cultura do Milladoiro, o obradoiro poético Poesía para tirar o medo. Haberá dúas sesións: unha primeira ás 11:00h e outra segunda ás 12:00h. Neste obradoiro, a escritora María Canosa achegará fórmulas coas que axudar a superar os medos das nenas e nenos. A actividade, que é gratuíta, está dirixida a familias con crianzas ata os seis anos. Para participar, é preciso inscribirse enviando o nome e apelidos das persoas participantes, un teléfono de contacto e a sesión escollida ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de novembro.


Neste tempo de Samaín no que é común xogar e divertirse co medo, a programación do Apego inclúe o obradoiro Poesía para tirar o medo, a través do cal se pretende achegar ás crianzas fórmulas poéticas coas que superar os seus medos ( á escuridade, ás treboadas, ás arañas, á soidade...). O obradoiro, que estará baseado no Libro dos Medos da Editorial Bolanda, será impartido pola escritora María Canosa. A actividade desenvolverase o vindeiro 11 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, e contará con dúas sesións: unha ás 11:00 horas e outra ás 12:00h.

Dirixida a familias con crianzas ata os 6 anos, a actividade consistirá na narración dos medos dunha nena, que atopa na poesía unha fórmula para facelos desaparecer. Cada un dos poemas tratará sobre algún dos medos máis comúns nesta etapa da infancia. Os obxectivos deste obradoiro son facilitar ás familias as ferramentas precisas para crear poesía de maneira autónoma, favorecer a eliminación dos medos das nenas e nenos e achegar ás crianzas ao mundo da poesía. 

Para participar no obradoiro é preciso inscribirse enviando, ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, o nome e apelidos das persoas participantes, un número de contacto e a sesión escollida. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 10 de novembro. Existen 25 prazas dispoñibles en cada sesión. Se se quere obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ao 662 377 215.

O programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás nenas e nenos durante os seus primeiros anos de vida (nomeadamente, dos 0 aos 6). Deste xeito, o programa pretende reforzar nas crianzas a identidade coa familia e coas súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. En Ames, xa hai máis de 80 familias adheridas ao programa do Apego, que comezou a andar en setembro de 2016.

Unha nova Foliada con Apego terá lugar este venres, 3 de novembro
Este venres, 3 de novembro, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá unha nova Foliada con Apego. Será a partir das 18:00 horas. Ao longo da tarde, haberá baile, cantares e moita música. A actividade está dirixida tanto a familias con crianzas sen límite de idade, como, en xeral, a calquera persoa á que lle guste a música tradicional. As persoas que toquen algún instrumento poderán acudir con el e interpretar algunha peza na foliada. De igual maneira, tamén se poderá levar algún petisco para compartir como merenda co resto de persoas participantes.

Para participar, é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de persoas participantes, o seu nome e apelido e un número de contacto. O prazo de inscrición remata mañá, ás 14:00 horas. As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta das familias que fan parte do proxecto do Apego no Concello de Ames. A súa finalidade é achegar a música tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego.