[01-11-2017] Este martes, 31 de outubro, rematou o obradoiro de lingua e cultura En galego, co teu acento. Nesta actividade participaron 15 persoas de catro nacionalidades diferentes (Colombia, Venezuela, Cuba e Arxentina). A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade , Luísa Feijóo, foi a encargada de entregar os diplomas a todas aquelas persoas participantes que completaron o 90% das horas impartidas. As aulas deste obradoiro desenvolvéronse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ao longo do mes de outubro. O vindeiro xoves, 2 de novembro, este mesmo obradoiro de lingua e cultura galega comezará a impartirse na Casa da Cultura do Milladoiro. Estes obradoiros están organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Servizos Sociais.
O pasado martes desenvolveuse a última sesión do obradoiro de lingua e cultura galega En Galego co teu acento. O obradoiro desenvolveuse ao longo do mes de outubro, de luns a venres, en horario de 9:30h a 11:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nesta edición, participaron 15 persoas orixinarias de Colombia, Venezuela, Cuba e Arxentina. Na última das aulas, as persoas participantes levaron doces e outras comidas para partillar.
O obradoiro está dirixido, fundamentalmente, á poboación do concello procedente doutros lugares fóra de Galicia. O que se pretende coa organización desta actividade é que as persoas participantes adquiran nocións básicas da lingua e da cultura galegas, fomentando, desta maneira, a integración na sociedade amesá das persoas migrantes. O obradoiro tamén se concibe como unha formación previa á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).
No curso que vén de rematar participaron tanto persoas que levan varios anos vivindo en Ames como outras que acaban de chegar. Yuxelín Sorelys Guevara leva apenas cinco meses en Galicia, mentres que Wlaychel Lozano xa hai case catorce anos que vive aquí. Tatiana Parra, pola súa banda, leva un ano en Ames e admite que aínda que ten algunhas dificultades para falar galego, xa consigue entender a maior parte das cousas. “Non é fácil chegar a un novo país sen coñecer a súa cultura, polo que lle agradezo ao Concello de Ames a oportunidade que nos ofrece de facer este obradoiro, a través do cal podemos coñecer a cultura e a lingua galega. Para as persoas que vimos de fóra, a adaptación faise máis fácil se nos brindan estas oportunidades. O obradoiro serviunos para perder o medo e a vergoña de botarnos a falar en galego”, admite Tatiana Parra.
O vindeiro xoves, 2 de novembro, o obradoiro En galego, co teu acento, comezará a impartirse na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00h a 10:30h. Estes obradoiros están organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Concellaría de Servizos Sociais. Nesta última sesión, estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, quen fixo entrega dos diplomas ás persoas participantes, que tiñan asistido ao 90% das horas do curso.