Pestanas principais

O Concello de Ames aposta pola enerxía eléctrica de orixe renovable asinando 11 novos contratos coa cooperativa galega “Nosa Enerxía”

Mércores, 25 de outubro de 2017

[25-10-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, asinou con Pablo Álvarez Fernández, representante da cooperativa galega “Nosa Enerxía”, 11 novos contratos para subministrar enerxía eléctrica de orixe renovable a varias instalacións municipais. No acto de sinatura tamén participaron a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e mailo concelleiro de Medio Ambiente, Javier García. Previamente, en maio de 2016 xa se asinou un contrato con esta mesma cooperativa para subministrar enerxía ás instalación da Aula da Natureza. Deste xeito, pásase a dispor de 12 contratos con Nosa Enerxía. Ames é o segundo concello de Galicia que comezou a traballar con esta entidade.

No ano 2014 xurdiu a entidade “Nosa Enerxía”, a primeira cooperativa galega que comercializa enerxía eléctrica de orixe renovable certificada a través de GoiEner. Trátase dunha cooperativa de consumidores que ten o obxectivo de primar o uso de enerxías renovables, así como a promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable de maneira distribuída. A entidade Nosa Enerxía é a maior cooperativa de consumo de Galicia e xa conta con 405 socias/os.

O alcalde de Ames, José Miñones, dixo que “o goberno municipal aposta por un modelo enerxético diferente, baseado nas enerxías renovables, que considere a subministración eléctrica un ben público. En maio de 2016 asinamos o primeiro contrato con esta cooperativa para subministrar enerxía ás instalación da Aula da Natureza. Agora dámoslle continuidade a este proxecto coa sinatura de 11 novos contratos para subministrar enerxía eléctrica ás escolas unitarias, locais sociais e ás instalacións do Punto Limpo”.

A través da sinatura destes 11 novos contratos subministrarase enerxía eléctrica á escola unitaria de Covas, local social de Cruxeiras, local social de Biduído, antiga escola de Firmistáns (que na actualidade está sendo rehabilitada para dedicala a vivenda de tránsito e de uso veciñal), escola unitaria da Tarroeira, local social de Biduído de Abaixo, local social de Augapesada, local social de Trasmonte, antiga escola de Guimaráns, local social de Piñeiro e ás instalacións do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro. Así, pasase a dispor de 12 contratos con Nosa Enerxía. O cambio efectivo de ditos contratos afectará ás facturas do mes de decembro.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable do departamento de contratación, explicou “seguimos dando pasos no tocante á defensa e posta en práctica dunha compra pública responsable que inclúe criterios sociais e medioambientais, apostando pola contratación con aquelas empresas e/ou cooperativas que impulsan e practican este tipo de políticas. A cooperativa Nosa Enerxía é unha cooperativa galega que está traballando na promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable e que defende a eliminación da pobreza enerxética, políticas sostibles que este goberno quere impulsar como medidas de responsabilidade social”.

Segundo concello galego en traballar con Nosa Enerxía
Ames é o segundo concello de Galicia que comezou a traballar con esta entidade. Previamente xa o fixo Rianxo. Ademais, o goberno municipal está aberto a colaborar con esta cooperativa noutros proxectos que leve a cabo no uso e fomento das enerxías renovables. Asemade, o goberno de Ames reclama, tal e como se aprobou en Pleno, protección contra a pobreza enerxética e aposta por unha tarifa eléctrica galega, que teña en consideración o feito de que Galicia é produtora e exportadora de enerxía, co fin de rebaixar o prezo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destacou que “este este goberno aposta polo emprego e pola aplicación de enerxías renovables, así como polo traballo en colaboración con empresas sensibilizadas con proxectos que impulsan o asociacionismo e que defenden o noso medio ambiente. Deste xeito, hai que destacar a colaboración de Nosa Enerxía nas limpezas dos ríos, plantación de castiñeiros en diversos concellos galegos, a promoción do transporte sostible a través do vehículo eléctrico, etc.”


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames firma once contratos con Nosa Enerxía en su apuesta por las renovables"
Lindeiros: "Ames asina 11 novos contratos coa cooperativa galega Nosa Enerxía"