[27-10-2017] A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, esta fin de semana, o XII Festival de Maxia de Ames. Nesta edición, como novidade, o festival incluirá un espectáculo de maxia infantil para crianzas dos 0 aos 3 anos, así como outro dirixido a nenas e nenos entre os 3 e os 6. Ao igual que o ano pasado, tamén haberá tres pases da Gala Máxica Internacional aos que poderán acudir preto de 450 persoas. O Festival de Maxia, que tamén conta cun par de obradoiros para crianzas, está organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais. Abarajar Producciones é a empresa responsable do desenvolvemento do Festival.
Após cinco días de espectáculos de pequeno formato repartidos nos centros de ensino amesáns, as actividades do XII Festival de Maxia de Ames continúan ao longo desta fin de semana. Así, este venres, 27 de outubro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, terá lugar un espectáculo de maxia infantil, para nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos. Posteriormente, ás 18:30 horas, haberá un segundo espectáculo, neste caso dirixido a crianzas entre os 3 e os 6 anos. Ambas exhibicións correrán a cargo do mago Linaje. Aínda existen prazas dispoñibles para os dous espectáculos. As persoas interesadas poden mercar as entradas na Billeteira electrónica ou na propia Casa da Cultura, desde unha hora antes do inicio dos espectáculos. A entrada xeral ten un prezo de 4 euros para maiores de 18 anos, existindo unha redución do 50% para maiores de 65 anos e estudantes con carné. O prezo das entradas para crianzas é de 2 euros.
A programación do XII Festival de Maxia de Ames tamén inclúe a realización de dous obradoiros de maxia para crianzas entre os 8 e os 14 anos. Tanto o sábado 28 como o domingo 29, en horario de 11:00h a 12:30 horas, os magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín serán os responsables destes obradoiros, nos que aínda é posible inscribirse. Deste xeito, as rapazas e rapaces interesados aínda poden participar chamando ao número de teléfono 981 535 940, ata as 14:00 horas deste venres. Os obradoiros son gratuítos.
A actividade estrela do Festival será un ano máis a Gala Máxica Internacional, da que haberá tres pases, dous deles o sábado. O primeiro será ás 17:30h e o segundo ás 20:30h. O domingo haberá unha única función, ás 18:00 horas. A gala, á que acudirán no total preto de 450 persoas, contará coa participación dos magos Román García, Linaje, Kiko Pastur, Martín Varela e o dúo Kybalion. As entradas xa están esgotadas.






