[17-10-2017] Ás 21:00 horas deste venres, 20 de outubro, dará comezo a XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, coa representación da obra “A Corda”. A peza, que é unha versión libre do filme “A soga” de Alfred Hitchock, estará interpretada polas actrices e actores de “The Puntillas Teatro”. A Mostra incluirá tres obras máis, todas dirixidas a un público adulto. O resto das representacións terán lugar os días 3, 10 e 17 de novembro, sempre ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada será libre e gratuíta. A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.
A XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames comeza este venres, 20 de outubro, con “A Corda” do grupo The Puntillas Teatro, de Santa Comba. A representación será ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A dirección da obra, cuxa duración é de 50 minutos, correu a cargo de Xan Martínez, quen tamén se encargou da adaptación do guión. A peza é unha versión libre do filme “A Soga”, de Alfred Hitchock.
O 3 de novembro, a obra representada será “Shakespeare para todos!! Andaina pro saúde mental”. A peza é unha versión libre realizada a partir dun par de textos do dramaturgo inglés William Shakespeare e relatará os enredos románticos de Romeo e Xulieta, así como as aventuras do Mercader de Venecia. Neste caso, a dirección e a adaptación foron un traballo de Fran Rei.
“O medo meu” do grupo Catre Teatro, da asociación cultural Alende, será representada o 10 de novembro. A peza é unha traxicomedia que xira arredor das persoas e dos seus medos. Agustín Bolaños foi o responsable de dar corpo a esta obra que ten unha duración de 50 minutos. Finalmente, a última das representacións da Mostra, a do 17 de novembro, correrá a cargo do grupo municipal de teatro de Ames, que interpretará “O enmeigado”. Nesta obra, Ramón María del Valle-Inclán deseña un retrato descarnado da sociedade onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para ganar o pan. A dirección e adaptación desta obra, que se estende ao longo de 70 minutos, correu a cargo de Mónica Caamaño.
A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura. A entrada das obras, que están dirixidas a un público adulto, é libre e gratuíta.
Contido relacionado
Lindeiros: "Este venres comeza a XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames"
Ames Go: "<A Corda> abre a VII Mostra de teatro de Ames"