[14-10-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantiveron esta semana unha xuntanza nos edificios administrativos de San Caetano, en Santiago de Compostela. En dita xuntanza abordaron a posible ampliación da Casa do Concello, a situación do parque comarcal de bombeiros, a proposta para desviar o tráfico pesado da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, o financiamento dun novo pavillón ou a colaboración da Xunta para dotar dun vehículo e diverso material á Agrupación de Protección Civil, entre outros temas.
O rexedor municipal reuniuse esta semana co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, co obxectivo de tratar diferentes temas de vital importancia para o Concello de Ames. Miñones agradece este segundo recibimento por parte do vicepresidente e destacou “estou convencido que acadaremos importantes avances en varias das necesidades plantexadas nesta reunión co obxectivo de que o concello amesán avance e mellore”.
Un dos asuntos que lle expuxo o alcalde foi a necesidade de ampliar a Casa consistorial para dispor de máis espazo para dotar a este edificio de novas oficinas. Dende o goberno municipal están traballando para presentarlle un anteproxecto á Xunta de Galicia. Miñones invitou ao vicepresidente da Xunta para que vaia a Ames a coñecer a Casa do Concello, ver o devandito anteproxecto e comezar a abordar este asunto. Dende a vicepresidencia tendéronlle a man ao Concello de Ames e dixeron que poderían colaborar no cofinanciamento deste proxecto sempre que colabore tamén o propio Concello e a Deputación da Coruña.
Outro dos temas importantes tratados foi o do parque comarcal de bombeiros. O vicepresidente da Xunta informou que durante o que queda de ano e ao longo de 2018 estudarán a comercialización dos parques de bombeiros. O rexedor municipal solicitoulle que se aceleren os prazos e Alfonso Rueda confirmou que así o farán. Ademais, o alcalde solicitou a reversión da parcela que fora cedida á Xunta para construír nela o parque comercial de bombeiros. O vicepresidente da Xunta veu con bos ollos esta petición e dixo que durante o último trimestre deste ano falarase sobre este tema, para tratalo paralelamente coa tramitación do parque do parque de bombeiros.
Por outra banda, o alcalde trasladoulle unha queixa formal ao vicepresidente polas relacións institucionais coa Xunta e polo trato recibido por parte dalgunha consellerías. Alfonso Rueda comprometeuse a falar con ditas consellarías para tratar de avanzar en temas como a da ampliación da depuradora de Sisalde, o plan de prevención de incendios, a ETAP e a cesión ao Concello do viario da avenida da Maía. Tamén se solicitou financiamento para a ampliación do pavillón de Bertamiráns. Sobre este asunto dixeron que depende directamente de presidencia, pero intentarán establecer unha posible colaboración.
Proposta sobre a N-550 ao seu paso polo Milladoiro
Asemade, falouse da proposta para desviar o tráfico pesado da N-550 ao seu paso polo Milladoiro. O alcalde pediu que medie co Ministerio de Fomento para que atendan as reivindicación feitas dende o Concello de Ames. Sobre este asunto o vicepresidente da Xunta comentou que se trata dun asunto difícil de resolver pero que tratará de mediar.
Por último, solicitouse financiamento para EPIS e vehículos para a Agrupación de Protección Civil que acaba de nacer en Ames. Sobre esta asunto, Rueda dixo que se dita agrupación funciona ben, ten actividade con dispoñibilidade real co 112 e horarios estables, tratarase de colaborar para tratar de adquirir un vehículo e algún material. Tamén se falou da posibilidade de asinar un convenio para dispor en Ames, cando sexa necesario, do servizo de retirada de niños de vespa velutina. Sobre esta asunto quedaron en volver a falar para concretalo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames rescata sus terrenos para parque de bomberos"