Pestanas principais

A compañía Pistacatro representa mañá no Milladoiro o espectáculo de teatro-circo “Outono”

Xoves, 05 de outubro de 2017

[05-10-2017] Este venres, 6 de outubro, volve o teatro a Ames da man da compañía Pistacatro que representará o espectáculo “Outono” na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo de teatro-circo con música en directo no que se relata a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica. Tamén se poderán mercar, de xeito anticipado e presencial, unha hora antes do comezo do espectáculo.

Con motivo do seu décimo aniversario, a compañía de teatro Pistacatro, de Novo Circo Galego, presenta a súa obra máis arriscada: Outono. Un espectáculo que é en si mesmo unha homenaxe aos pallasos clásicos. Contada a través dunha compañía de clowns en plena crise, está dirixida por Antón Coucheiro e conta coa participación como intérpretes de Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro.

A representación de Outono enmárcase dentro da programación de teatro infantil do Concello de Ames para este último trimestre de 2017. A obra, que está pensada para toda a familia, será representada este venres, 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro. Pódese ver un tráiler da obra premendo na seguinte ligazón.

As entradas para esta obra están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxaría e coa axuda das técnicas e técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00h a e 13:00 horas. Un 10% das entradas resérvanse para ser vendidas de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.