Pestanas principais

Thais Rudiño actuará este venres nas Noites na Terraza do Milladoiro

Xoves, 13 de xullo de 2017

[13-07-2017] A amesá finalista do programa La Voz en 2016, estará a partir das 21:30 horas na terraza do Bar Entreportas, no Milladoiro. O concerto encádrase dentro do programa Noites na Terraza, que conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Educación e Cultura.

Thais Rudiño é coñecida por ter sido unha das finalistas do programa televisivo La Voz. Na actualidade, é vocalista en tres bandas: Supernatural Rock Band, Acústica e Versus (un proxecto de guitarra e voz co que actuará este venres no Milladoiro). Anteriormente, tamén ten participado en proxectos musicais como o coro de gospel Sisters in the House.

Este venres, 14 de xullo, estará coa súa banda Versus no ciclo Noites na Terraza, coa que se pretende dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro e de animar as noites de verán, para que a veciñanza goce do seu tempo de lecer ao tempo que escoita actuacións de grupos galegos. O programa conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Educación e Cultura.

Tres concertos máis ao longo do verán
Ademais do concerto de Thais Rudiño deste venres, ao longo do verán haberá tres concertos máis encadrados no programa Noites na Terraza, no Milladoiro. O 21 de xullo, a banda Soul & Roll, estará na terraza do Café 500. Unha semana despois, o venres 28 de xullo, será a quenda de Ángel América que actuará na cafetaría da Casa da Cultura. Por último, o 4 de agosto, Aixa Romay estará na terraza da cafetaría La Llama.