Pestanas principais

O programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX acadou dende o mes de setembro un 46,7% de insercións

Xoves, 04 de maio de 2017

[04-05-2017] Os Concellos de Ames e Brión, que colaboran unha vez máis para desenvolver a novena edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, continúan coa formación das 60 persoas que participan nesta iniciativa. A semana pasada impartiuse un curso de manexo de plataformas elevadoras móbiles de persoal e na actualidade estanse impartindo os cursos de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, e o de monitor de transporte e comedor escolar. No que vai de programa conseguíronse varias insercións laborais. Dos 60 participantes, 28 están traballando ou conseguiron algún contrato de traballo, o que supón unha porcentaxe do 46,7%.

Dende o pasado 1 de setembro os Concellos de Ames e Brión están desenvolvendo a novena edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 104.426 euros, e un orzamento total de 130.532 euros. Deste proxecto beneficiaranse 60 participantes que contan co apoio de 2 titores/as. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se imparten diversas accións formativas, transversais e específicas, realízanse prácticas non laborais en empresas e que conta cun servizo de titorías individuais, ademais de outras actividades (prospección, intermediación laboral con empresas, etc).

A semana pasada impartiuse dentro do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión IX o curso de manexo de plataformas elevadoras móbiles de persoal. Esta iniciativa, que tivo unha duración de 20 horas, estivo composta dunha parte formación teórica e outra práctica que se esixe para a homologación pola Norma UNE 58923. Para a realización das prácticas empregouse o aparcamento do Centro de formación e emprego do Concello de Ames, situado na urbanización de Aldea Nova. Os 7 alumnos/as que participaron neste curso empregaron dous tipos de plataformas elevadoras: de tesoira e telescópica ou articulada.

Ademais, na actualidade estase impartindo o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais que está composto de 80 horas teóricas e 50 horas prácticas non laborais en empresas. Esta actividade formativa, na que están participando 11 alumnos/as, desenvolverase ata o 6 de xuño. Tamén se está impartindo o curso de monitor de transporte e comedor escolar que consta de 60 horas teóricas e 20 horas de prácticas non laborais en empresas. Neste caso este curso, no que participan 12 persoas, desenvolverase ata o 31 de maio.

Por último, no mes de xullo, impartirase o curso de inglés medio-atención ao público, que dispón de 40 horas lectivas. Ao mesmo tempo, continuase impartindo obradoiros de busca activa de emprego, de curta duración, titorías individuais, prospección de empresas, intermediación, prácticas non laborais, asesoramento para o autoemprego, etc. As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego. Trátase xa da novena edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a cuarta ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión.