Pestanas principais

A ONG Médicos do Mundo impartiu no Milladoiro unha xornada sobre o acceso á saúde na que participou un grupo de 12 persoas inmigrantes

Xoves, 27 de abril de 2017

[27-04-2017] A organización Médicos do mundo, en colaboración co Concello de Ames, impartiu a pasada semana unha xornada de formación a un grupo de 12 persoas inmigrantes co obxectivo de traballar en rede para defender os seus dereitos. Nesta xornada abordáronse os temas do acceso á saúde para persoas inmigrantes e a prevención da violencia machista. Esta actividade desenvolveuse na Casa da Cultura do Milladoiro.

Defender os dereitos dos inmigrantes na sanidade pública e denunciar os abusos dos que en moitas ocasións é vítima este colectivo é un dos labores que realiza a organización Médicos del Mundo coa que o Concello de Ames leva traballando desde hai anos. Nesta ocasión dita organización impartiu no Milladoiro unha xornada para que os/as inmigrantes coñecesen os seus dereitos sanitarios e adquirisen ferramentas para poder detectar e denunciar os posibles casos de vulneración aos que se ven sometidos. Ademais, abordáronse diversas cuestións relacionadas coa prevención da violencia machista.

Desde que entrou en vigor a nova Lei de Acceso á Sanidade a nivel estatal e a Xunta comezou tamén a aplicar novas medidas de recortes neste eido, o colectivo dos inmigrantes ten moitas máis dificultades para ser atendido na sanidade pública. A organización non gobernamental, Médicos del Mundo, atende pacientes aos que se lles nega o acceso á sanidade pública e denuncia estes casos.

No informe que a organización anualmente presenta para dar a coñecer a vulneración á que está sometido este segmento de poboación, aparecen moitos casos da contorna de Santiago de Compostela á que pertence o Concello de Ames. Este foi o principal motivo polo que se organizou a semana pasada esta actividade no Milladoiro, á que asistiron 12 persoas inmigrantes de Ames.

A xornada estivo financiada pola Dirección General de Migraciones e a Secretaria General de Inmigración y Emigración, dependentes do Ministerio de Empleo y Seguridad Social e pola Unión Europea a través do Dondo de Asilo, Migración e Integración.