[05-04-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de varias obras de mellora en diversas instalacións deportivas do Milladoiro. Ditas obras, que foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 125.295,54 euros, executaranse nas piscinas públicas municipais, na cancha deportiva multiusos, que se atopa ao carón de ditas piscinas, no parque infantil da praza de Manuel Murguía e no pavillón polideportivo. A través destes traballos o goberno municipal pretende realizar diferentes actuacións para mellorar estas instalacións municipais que teñen un gran uso por parte dos veciños e veciñas do Milladoiro.
O goberno municipal vai a realizar un investimento con cargo ao Plan de acción social (PAS) da Deputación da Coruña co obxectivo de mellorar varias instalacións deportivas e un parque infantil situadas na localidade do Milladoiro. Ditas obras foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA por un importe de 125.295,54 euros. Estes traballos executaranse nas piscinas públicas municipais, na cancha deportiva multiusos, que se atopa ao carón de ditas piscinas, no parque infantil da praza de Manuel Murguía e no pavillón polideportivo desta localidade.
As obras que se pretenden realizar nas instalacións municipais que acollen as piscinas descubertas estarán dirixidas a mellorar o pavimento existente, que está ao redor de ditas piscinas, xa que presenta un estado precario pola súa antigüidade. Aproveitando esta circunstancia vaise a realizar a instalación das canalizacións de saneamento. Tamén se executarán obras de accesibilidade. Para o cal se vai a derribar 180 centímetros dun muro de bloques que separa a zona de `praia´, que está ao redor das piscinas, da zona de bosque. No seu lugar construirase unha rampla con varanda que permita a comunicación entre estas dúas zonas.
Outras actuacións previstas serán a substitución do peche perimetral de dita instalación; o pintado dos muros de bloques de formigón por ambas caras; a instalación dunha caseta prefabricada para uso do servizo de SOS; a instalación doutra caseta, similar a dos socorristas, para a instalación dun quiosco de servizo para os usuarios da piscina; o pintado dalgúns paneis das casetas existentes; así como o pintado da porta metálica de entrada ao recinto.
En canto as obras que se pretenden realizar na cancha deportiva multiusos, que se atopa ao carón de ditas piscinas, afectarán á pista. Preténdese realizar unha soleira de formigón duns 10-12 centímetros de espesor e que conte con pendentes cara as canaletas de saneamento que se executarán ao pé das gradas. Ao mesmo mellorarase o acceso a esta pista xa que na actualidade existe un desnivel entre a beirarrúa de acceso e a propia cancha que se resolverá cunha rampla. Terminada a soleira pintarase unha pista de balonmán ou fútbol sala e outra de baloncesto. Por último, substituirase o peche perimetral da instalación, colocando nos fondos (detrás das porterías) unha malla máis fortes de aceiro, e pintaranse os muros de formigón por ambas caras.
Parque infantil da praza de Manuel Murguía
Por outra banda, vaise a substituír o actual pavimento existente no parque infantil da praza de Manuel Murguía, que está nun alto estado de degradación, por outro de baldosas elásticas que conta cun maior grao de seguridade e protección fronte as caídas. Actuarase nunha superficie de 198 metros cadrados. Con esta actuación complétase a renovación deste parque infantil, xa que nos últimos meses limpáronse e reparáronse os xogos, e pintouse o valado de peche de dito parque. Esta actuación tivo un custo de 4.866.14 euros.
No pavillón polideportivo do Milladoiro ampliarase unha sala que na actualidade está destinada á impartición de clases de spinning. Dita sala de 23.70 m2 quedou pequena para este uso, polo que se pretende ampliala engadindo un pasillo distribuidor, que se atopa ao fondo de dita aula. Deste xeito, pasará a dispor dunhas dimensións de 42.20 metros cadrados.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Adjudican las mejoras en la piscina y varios espacios públicos"




