Pestanas principais

O instituto do Milladoiro acolle este mércores, 29 de marzo, a charla "Crianzas trans*formando a sociedade"

Luns, 27 de marzo de 2017

[27-03-2017] Este mércores, 29 de marzo, ás 19:00 horas, impartirase no salón de actos do IES Milladoiro a charla "Crianzas trans*formando a sociedade". Esta charla, que será impartida por Cristina Palacios Castro (traballadora social, docente e presidenta de ARELAS) está organizada polo Concello de Ames, a Anpa do IES do Milladoiro "Anpa Milla" e mailo o IES do Milladoiro. Esta actividade, que abordará a temática da transexualidade e da diversidade sexual en xeral, encádrase dentro do programa de "Escola de Familias".

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “apoiamos esta iniciativa porque nos pareceu unha actividade moi boa e, sobre todo, moi necesaria, tanto polos temas que se van abordar como pola necesidade de formación, información e sensibilización sobre determinados temas de interese e actualidade, e que nos permitirá seguir avanzando cara á igualdade e afondando no respecto á diversidade, rompendo actitudes intolerantes para así poder ver a diversidade como una oportunidade, como un valor a respectar”.

A charla Crianzas trans*formando a sociedade será impartida por Cristina Palacios Castro, traballadora social, docente, presidenta de ARELAS (asociación de familias de menores trans de Galicia) e nai da primeira menor trans que logrou en Galicia cambiar legalmente o seu nome. Na súa presentación apoiarase de vídeos e dun power point para explicar diversos aspecto deste tema. Trala exposición inicial abrirase un tempo para facer preguntas e debater.

Esta actividade, que abordará a temática da transexualidade e da diversidade sexual, encádrase dentro do programa de Escola de Familias. Este ciclo de charlas comezou o pasado mes co tema Adolescencia, unha asignatura pendente. Tras estas dúas xornadas xa se está traballando na próxima charla, na que se tratará o tema do ocio nos adolescentes.

Dende a Anpa do IES do Milladoiro explican que decidiron crear unha Escola de pais co obxectivo de axudar aos pais e nais na educación dos seus fillos/as. “Os nosos fillos están vivindo a aventura máis importante da súa vida, que é medrar, e nós queremos acompañalos nesta aventura. Precisamos de toda a información posible para poder axudalos e, o máis importante, que cando chegue o momento de voar sós, dispoñan de todas as técnicas e recursos, para facelo dunha forma sa e respectuosa con toda a sociedade. Por isto estamos a realizar unha serie de charlas que nos poden axudar a comprendelos mellor, a compartir experiencias e comprender a sociedade na que lles toca medrar”.

Asociación ARELAS
A asociación galega ARELAS, constituída recentemente por parte de familias de menores trans*, creouse para lograr xustiza e recoñecemento para aqueles nenos e adolescentes transexuais de Galicia que “merecen ser tratados como cidadáns de primeira e non de segunda, como desgraciadamente está a ocorrer en certos espazos da vida galega”, explicaron desde a asociación. A presidenta de ARELAS é Cristina Palacios, nai dunha nena transexual de 9 anos, que foi a primeira menor transexual en conseguir o cambio de nome legal.

A secretaria, Soledad Fernández, é nai da segunda menor en conseguir este logro tan importante como é poder plasmar o verdadeiro nome en todos os documentos oficiais. A xunta directiva completa, Lucía Ferradáns, nai dunha nena transexual de 10 anos. A asociación ARELAS traballa pola visibilización, normalización e despatologización da transexualidad infantil, traballo que realizan a través de charlas informativas, conferencias, mesas de debate e elaboración de guías e protocolos.

Desde a asociación de familias de menores trans*, traballan e promoven a defensa dos dereitos dos/as nenos/as e adolescentes trans* en todos os ámbitos da vida: educativo, sanitario, xudicial, cultural, deportivo e social.