Pestanas principais

O Concello de Ames participa o día 15 de marzo na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Sábado, 11 de marzo de 2017

[11-03-2017] A concelleira de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, Luísa Feijóo, participará o vindeiro mércores, 15 de marzo, en Santiago de Compostela na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Ames. Na xuntanza, que dará comezo ás 11:00 horas na sede da Fegamp, someterase a aprobación o Plan de actividades para 2017 e tres das edís que participaron no intercambio de experiencias en Mozambique compartirán as súas aprendizaxes.

A concelleira de Igualdade de Lugo, Ana G. Abelleira; a de Moaña, María Ortega, e mais a de San Sadurniño, Ana B. Gundín exporán os resultados da visita, na que asistiron ao encontro da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. Porén, tamén tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento do municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa, María Helena Correia, ou de supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna financiado á Fundação Encontro.

No entanto, a Asemblea Xeral abrirase ofrecendo o habitual informe de situación do Fondo Galego a cargo do presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, para pasar logo á aprobación do balance económico de 2016. Darase conta a seguir das últimas altas e baixas de socios e, para rematar, presentarase tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio, no que a entidade cumpre dúas décadas de andaina.

Deste xeito, o Plan de actividades 2017, titulado “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”, inclúe accións de fortalecemento, de sensibilización fronte as desigualdades, de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións socias, incrementar a participación e o recoñecemento ou visibilizar o rigor e a transparencia na xestión son algúns dos obxectivos que contempla. Entre as novas actividades, destacan un obradoiro teatral para reflexionar sobre xénero, a exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o espectáculo de clown sobre fronteiras e refuxio ou a propia conmemoración do vixésimo aniversario.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.