[26-12-2016] A programación de Nadal inclúe dous obradoiros denominados Imos cantar o Nadal, que se desenvolverán o venres 30 de decembro no Milladoiro e o luns 2 de xaneiro en Bertamiráns. Encádranse dentro do programa Apego e están están dirixidos ás familias e aos nenos e nenas de calquera idade. Os cativos e cativas de menos 6 anos deberán acudir obrigatoriamente acompañados dun adulto. As inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Esta actividade está organizada polos departamentos de Normalización Lingüística e de Promoción Económica.
Os Cantos de Noiteboa, Cantos de Aninovo e Cantos dos Reis son os cantos propios da época do Nadal da tradición oral galega. Era común organizarse en grupos para ir pedir o aguinaldo dos veciños e veciñas, de porta en porta, cantando estas pezas tradicionais e xuntar, así, algo de comer para celebrar unha pequena festa ou paparota. Con esta actividade inténtase recuperar esta tradición que perviviu ao longo do temo, como tantas outras manifestacións culturais populares, co esforzo de moita xente anónima.
Ao longo dos anos, os cantos e as súas letras fóronse recollendo, recompilando e editáronse en distintos materiais de difusión (discos, blogs, páxinas web...). Con actividades coma esta preténdese tamén revitalizar a práctica de ir cantar polas portas, de xuntarse, de celebrar conxuntamente coa veciñanza estas datas tan sinaladas..., ao tempo que se crea un espazo de socialización en lingua galega, asociado ao ocio e ao divertimento.
É unha proposta que persegue difundir o patrimonio cultural inmaterial relacionado coa tradición do Nadal galego entre a xente máis nova dunha maneira creativa, participativa e amena: a literatura oral (os cantos, os romances...); a música (os ritmos e melodías empregas; os instrumentos...); e tamén os rituais relacionados con ir cantar os reis (pedir licenza; pedir o aguinaldo; os agradecementos...).
A actividade, que ten unha duración aproximada de dúas horas e media, está divida en tres partes. Na primeira desenvólvese un obradoiro de preparación de instrumentos sonoros e de aprendizaxe e ensaio de cantos de reis. De seguido, realízase unha saída para cantar os reis por diferentes establecementos comerciais da contorna pedindo o aguinaldo. Por último, haberá unha merenda conxunta para recuperar enerxías co aguinaldo recollido.
Trámites de inscrición
As persoas que desexen participar nos obradoiros Imos cantar o Nadal, que se desenvolverán o venres, 30 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro e o luns, 2 de xaneiro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando, nome, apelidos, idade dos participantes e un teléfono de contacto.
Ademais deberán marcar a localidade escollida (Bertamiráns ou o Milladoiro). En ambas as localidades os ditos obradoiros comezan ás 17:00 horas. Recoméndase acudir con roupa de abrigo, xa que parte da actividade desenvólvese pola rúa, e levar instrumentos, se se teñen na casa. É unha actividade gratuíta. Ofértanse 40 prazas para cada un dos obradoiros (40 para Bertamiráns e outras 40 para Milladoiro).




