[08-12-2016] A Consellería de Política Social da Xunta e Galicia vén de notificarlle ao Concello de Ames a concesión dunha subvención para realizar actuacións de mellora de accesibilidade e adaptación nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O importe da axuda concedida ascende a contía de 27.293,62 euros. O goberno municipal achegará 9.097,87 euros para completar o importe de 36.391,49 euros que é necesario para realizar ditas obras en Tapia. O proxecto foi elaborado polo persoal dos departamentos municipais de Turismo e Obras.
O Concello de Ames vén de recibir a notificación da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, de que se lle concede unha axuda de 27.293,62 euros destinada á mellora da accesibilidade en edificios e espazos de uso público. Esta axuda está cofinaciada polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2014-2020. Deste xeito, o goberno municipal investirá un importe de 36.391,49 euros, para realizar actuacións de mellora de accesibilidade e adaptación nas instalacións da praia fluvial de Tapia. A Administración local achegará os 9.097,87 euros restantes.
Na proposta de actuación presentada a esta liña de axudas recóllese a idea de habilitar dúas prazas de aparcamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida próximas á entrada principal. Estas prazas de estacionamento terán unhas dimensións de 5,00x3,50 metros e contarán coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Executaranse sobre unha superficie pavimentada con adoquíns. O proxecto presentado a esta subvención tamén recolle a execución dun acceso pavimentado en formigón impreso con textura de adoquín, cunha lonxitude de 55 metros, un ancho de 2 metros e un groso de 15 centímetros con maiazo de aceiro para evitar fisuras.
Ademais, para mellorar a accesibilidade, preténdese executar un vao peonil que consistirá na eliminación dun tramo de adoquíns de 1,20 metros de lonxitude e a posterior execución dunha rampla de formigón que facilite o tránsito entre as prazas de estacionamento adaptadas, a cantina e a piscina. Así mesmo, vaise adaptar o mostrador da cantina, de xeito que teña un tramo de 1,50 metros de ancho, cunha altura de 85 centímetros, sen obstáculos e cunha altura na súa parte inferior de 0,70 centímetros para poder atender a persoas en cadeiras de rodas ou de baixa estatura.
Espazos hixiénico-sanitarios
Por outra banda, vaise actuar sobre os aseos e vestiarios existentes. No módulo onde están situados os aseos e vestiarios femininos, preténdese executar unha ducha e un vestiario independentes e accesibles para ambos sexos, e no módulo onde están os aseos e vestiarios masculinos vaise a realizar un aseo adaptado para homes e mulleres con acceso independente.
Tamén se vai actuar nos espazos de uso común coa colocación de novo mobiliario urbano accesible. Deste xeito, vanse instalar dous bancos adaptados (un nas inmediacións da bibliopiscina e outro no entorno da piscina infantil). Ademais, no proxecto contémplase a creación dunha zona de merendeiro con dous bancos e unha mesa nas inmediacións das prazas de aparcamento accesibles. Así mesmo, instalarase unha fonte accesible. Por último, proponse substituír a porta de entrada da piscina infantil por outra de maior anchura e a compra dunha cadeira de inmersión na piscina.
O concelleiro de Obras, Blas García, e a concelleira de Turismo, Isabel González, celebran a concesión desta axuda xa que “é necesario mellorar as instalacións dun lugar tan transitado durante os meses estivais como é a área recreativa de Tapia. Deste xeito, estas instalacións poderán ser adaptadas para que sexan accesibles para as persoas con diversidade funcional. Estamos traballando para facer un concello máis accesible”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello eliminará en Tapia las barreras arquitectónicas con fondos de la Xunta"
El Correo Gallego: "Mejoras en la playa de Tapia para el acceso de los discapacitados"




