Pestanas principais

Festa do Magosto e saída micolóxica este sábado en Ames

Mércores, 09 de novembro de 2016

[09-11-2016] Ames celebra este sábado a chegada do outono cunha Festa de Magosto. Unha carpa instalada na Praza de Chavián dará acubillo a quen se achegue a degustar as castañas, os bolos preñados e a escoitar un pouco de música. As actividades e actuacións comezarán ás 17:00 horas. Un ticket cun prezo de dous euros dará dereito á merenda.

A Praza de Chavián, en Bertamiráns, acolle este sábado á Festa do Magosto amesá. O Concello de Ames organiza esta celebración outonal que comezará ás 17:00 horas cos cantares das pandereteiras de Bugallido, usuarias do programa municipal Amessán. A esa mesma hora terá lugar tamén un obradoiro de identificación e exposición de cogomelos, de balde e para o que non é precisa a inscrición previa. Nun dos postos comezaranse a vender os tickets para a merenda.

Ás 18:00 horas, ao tempo que se serven os primeiros cornetes de castañas Trópico de Grelos iniciará a súa actuación. Este grupo ten as raíces da súa música na percusión afrobahiana, e ademais de actuacións por todo o territorio galego realiza numerosos obradoiros e actividades didácticas. Ás 19:00 horas as pandereteiras tomarán o relevo; tocará primeiro o grupo que da aulas en Ameixenda e despois o de Trasmonte, ambos tamén usuarios do programa Amessán.

Saída para buscar cogomelos coa Aula da Natureza
A Aula da Natureza de Ames prepara este sábado pola mañá unha saída de campo na procura de cogomelos. Acompañados por un experto en micoloxía o grupo aprenderá a diferenciar distintos tipos de fungos e as técnicas para apañalos. O autobús sairá ás 9:30 horas da Praza do Concello de Bertamiráns e pasará ás 9:45 horas polo centro sociocultural do Milladoiro. A actividade rematará aproximadamente ás 14:00 horas. Para reservar unha das 50 prazas dispoñibles as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 660004665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.