[18-10-2016] Este mércores, 19 de outubro, conmemorase o Día mundial contra o cancro de mama e o Concello de Ames ten preparada unha serie de actos de sensibilización sobre esta enfermidade. Deste xeito, mañá pola tarde – noite a Casa do Concello de Ames iluminarase de cor rosa. Ademais, repartiranse globos, venderanse pulseiras para recadar fondos e colocaranse cestas con lazos rosas nas dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro para que calquera persoa que o desexe poida levala na solapa e amosar así a súa solidariedade con este grave problema. Así mesmo, o goberno municipal convida á veciñanza a que se sume a participar dos actos organizados pola Asociación Española Contra o Cancro e no segundo maratón de manicuras solidarias organizado polo establecemento comercial Mímate.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, súmase á conmemoración do Día Mundial contra o cancro de mama. Para elo ten preparadas unha serie de iniciativas co obxectivo de sensibilizar á veciñanza sobre esta enfermidade. Para darlle maior visibilidade a esta conmemoración vaise a tinguir de rosa a fachada da Casa do Concello durante a tarde e a noite de mañá mércores. Asemade, ao longo de todo o día repartiranse globos e lazos na Casa do Concello e nas oficinas de Servizos Sociais de Bertamiráns e do Milladoiro.
Por outra banda, o Concello de Ames está vendendo pulseiras solidarias para recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Así mesmo, o goberno municipal convida á veciñanza a que se sume a participar dos actos organizados pola Asociación Española contra o Cancro de Mama e no segundo maratón de manicuras solidarias organizado polo establecemento comercial Mímate. As persoas que desexen obter máis información poden entrar na web www.aecc.es ou chamando ao número de teléfono 900 100 036.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, indica que “é fundamental contribuír á detección precoz desta enfermidade, ao tratamento e aos cuidados paliativos. Por iso, este ano decidimos iluminar de cor rosa a Casa do Concello para conmemorar o Día mundial contra o cancro de mama e repartir lazos e globos entre a veciñanza amesá. O obxectivo que perseguimos e sensibilizar á poboación sobre a necesidade de realizar os controis que tantas veces fan que a enfermidade, ao serdetectada a tempo, non teña os efectos tan negativos que pode ter”.
Actividades organizadas pola AECC
A AECC leva preparando diversas actividades dende o sábado 15 de outubro para a campaña dese ano. Ese mesmo día unha mesa divulgativa e de captación de fondos estivo presente en Kiabi, tenda situada no polígono da Costa Vella en Santiago, a onde acudirá tamén este sábado. Este martes, 18 de outubro, a asociación ofreceu unha rolda de prensa coa concelleira Concepción Fernández, responsable compostelá de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde.
Entre o mércores 19 e o domingo 23 os autobuses urbanos portarán carteis e lucirán un laso rosado. Na noite do mércores a fachada do Concello de Ames, a do Concello de Santiago de Compostela e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura iluminaranse de cor rosa. Durante a xornada o Multiusos Fontes do Sar e o Centro Deportivo Santa Isabel, ambos en Compostela, levarán a cabo unha Xornada Solidaria. Convidan a asistir cunha prenda de cor rosada e participar nas actividades deportivas organizadas ao longo do día. Os cartos recadados doaranse integramente á AECM. Ademais habilitarase unha conta bancaria para realizar doazóns. Os días 20. 22 e 29 continuarase cunha maratón de manicuras solidarias ou unha master class de zumba.




