[04-07-2016] O concello de Ames acolleu por terceira vez consecutiva un campus de verán organizado pola Fundación Celta de Vigo, que se desenvolveu entre o 27 de xuño e o 1 de xullo, no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta actividade rematou cunha gran festa na que os rapaces e rapazas participantes no campus adestraron cos seus pais e nais. Asemade, entregóuselle un diploma e varios agasallos aos máis de 50 nenos/as que participaron nesta iniciativa. No acto de clausura participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e mailo presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso.

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo organizaron unha nova edición do campus de verán de fútbol, que se desenvolveu nas instalacións do campo municipal do Milladoiro dende o 27 de xuño ata o 1 de xullo. Nesta iniciativa participaron 52 rapaces e 1 rapaza de 4 a 14 anos, que estiveron divididos en varios grupos dependendo da súa idade. A Peña Celtista do Milladoiro é a promotora deste campus no que tamén colaboran o Concello de Ames e o Milladoiro SD.
Este evento deportivo desenvolveuse de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 1 de xullo de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus celebrouse unha festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes. Os adestramentos estiveron dirixidos por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo.
No acto de clausura participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e mailo presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso.
O obxectivo deste campus foi ensinarlles e perfeccionar varios conceptos relacionados co fútbol e co deporte. Os nenos/as recibiron unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Cincuenta niños de Ames disfrutaron con las clases de los técnicos del Celta"




