[28-06-2016] A bandeira do arco da vella volve ondear no balcón da Casa do Concello de Ames. Desta volta a súa colocación atende unha celebración: a do Día do Orgullo LGTBI, celebrado cada ano o 28 de xuño. Ademais de colgar a bandeira o Concello difundiu un manifesto que recolle o seu compromiso a contribuír a acadar non só a igualdade de dereitos entre as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou o seu xénero, senón tamén a convivencia pacífica e de respecto na diversidade. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o manifesto municipal do Día do Orgullo LGTBI.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade destacou a importancia destes xestos, como mostra de apoio “a un colectivo que aínda se atopa en situación de discriminación. Luísa Feijóo engadiu que estas manifestacións e actos de celebración continuarán ata que se acade “a convivencia de todas as persoas en respecto e igualdade”.
O manifesto do Concello de Ames inclúe, ademais da celebración dos logros conseguidos no terreo da igualdade e a convivencia, un recordatorio do que aínda queda por conseguir. 2016 foi declarado o ano da visibilidade Bisexual na diversidade, ao tratarse dunha orientación sexual con menor aceptación social e en torno a cal hai un gran descoñecemento. Dende o Concello úrxese á creación dunha Lei de Igualdade LGTBI e unha Lei Integral de Transexualidade, que atenda a menores e maiores independentemente do seu lugar de nacemento.
O documento tamén reclama un pacto de Estado polo VIH “fronte ao estigma e á discriminación”. Así mesmo solicita medidas efectivas no sistema educativo para tratar a diversidade sexual e de xénero. A educación “é clave para unha convivencia en igualdade de dereitos”. A data de hoxe, 28 de xuño, coincide cos disturbios de Stonewall, nos que o colectivo LGTBI estadounidense decide unirse para protestar polas redadas que realizou a policía neoiorquina nun bar de Greenwich Village. Considérase o detonante dun movemento máis organizado que reclamou igualdade de dereitos para a toda cidadanía, independentemente do xénero ou orientación sexual das persoas.
Coa chegada da democracia en España avanzouse moito en acadar igualdade de dereitos. A complexidade a día de hoxe estriba en difundir unha mensaxe de respecto e equidade, cando se segue a discriminar ás persoas pola forma de vivir a súa sexualidade. O manifesto do Concello envía o seu apoio a aquelas persoas que viven en países onde existen “leis que os castigan con penas de prisión por mostrar publicamente a súa orientación sexual e que lles negan a súa propia identidade de xénero”. Este día celébrase, indica o documento, “tamén por eles”. Finalmente conmemórase tamén a última data na que ondeou a bandeira LGTBI en Ames: a véspera dos asasinatos que tiveron lugar nunha discoteca en Orlando, a cuxas vítimas se quere render homenaxe.




