[23-06-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo xerente do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron a nova escola infantil de Bertamiráns, para ultimar os últimos traballos que quedan pendentes de executar de cara a apertura a principios de setembro deste centro que se enmarca dentro da Rede A Galiña Azul da Xunta de Galicia. Nesta visita de traballo tamén participaron técnicos do Concello de Ames e do propio Consorcio Galego de Servizos.
Características da nova escola infantil
Esta infraestrutura está situada nunha parcela que se atopa na rúa do Muíño, preto do paseo fluvial de Bertamiráns. A parcela onde se está xestionando esta nova escola infantil dispón de 3.389 metros cadrados e a superficie total construída é de 656,35 metros cadrados. O importe de execución desta obra ascendeu a uns 736.000 euros, asumido nun 60% polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o 40% restante polo Concello de Ames.
As 82 prazas do centro educativo distribuíronse en seis aulas, dúas para cada grupo de idade. As aulas do alumnado de 0 a 1 anos teñen unha superficie de 22 metros cadrados; as unidades de 1 a 2 anos ocupan 30 m2; e as aulas de 2 a 3 anos teñen unha dimensión de 36 m2. O inmoble está deseñado en planta baixa. Ao sur están as aulas e na zona norte hai unha sala de usos múltiples, unha zona de servizos con cociña, vestiarios e aseos, unha sala para o profesorado e un despacho para a dirección do centro.
Datos de matrícula para o curso 2016-2017
Cómpre lembrar que durante o mes de marzo estivo aberto o prazo para presentar as correspondentes solicitudes co fin de poder optar a unha praza nesta escola infantil de cara o vindeiro curso escolar 2016-2017. Unha vez finalizado este proceso hai 15 nenos/as admitidos/as de 0 a 1 anos; 25 alumnos/as admitidos/as de 1-2 anos; e 32 rapaces e rapazas admitidos/as de 2 a 3 anos. En total, hai 72 prazas cubertas, 7 prazas vacantes no grupo de 2 a 3 anos, e 3 prazas reservadas para servizos sociais. A listaxe total de agarda existente na actualidade é de 27 alumnos/as.
Está previsto que a principios do mes de setembro, e coincidindo co inicio do curso escolar 2016-2017, abra as súas portas a nova escola infantil, que está situada preto do paseo fluvial de Bertamiráns, e que se enmarca dentro da Rede de escola infantís A Galiña Azul da Xunta de Galicia. Pero antes de que comece a funcionar este novo centro escolar hai que ultimar unha serie de detalles que foron as que se trataron esta mañá na visita de traballo que mantivo o goberno municipal co xerente e cos técnicos do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar.
Esta reunión de traballo serviu para definir como se van a dar de alta unha serie de servizos como son o abastecemento de auga, o gas ou a electricidade, así como a conexión á rede de pluviais e alcantarillado. Os técnicos de ambos organismos, acompañados das autoridade municipais e da Xunta de Galicia, decidiron na propia parcela, onde está situada a nova escola infantil, cal é a mellor opción para dar de alta esta serie de subministros de servizos.
Por outra banda, tamén se falou da situación na que se atopan os trámites que o Concello de Ames mantén coa empresa que se encarga de urbanizar o entorno do Rego dos Pasos Sur de Bertamiráns, no que se atopa a devandita escola infantil. Dende o goberno municipal explican que a empresa presentou a documentación requirida polo Concello para a recepción da mesma, a cal se está a revisar polos técnicos municipais.
Esta é a terceira reunión que mantén o goberno municipal co responsable do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar para avanzar na posta en marcha desta escola infantil. Despois de falar destes traballos, que haberá que realizar durante as vindeiras semanas, as autoridades e técnicos entraron nas dependencias da escola infantil e fixeron un percorrido polo seu interior para ver de primeira man a distribución das aulas e o resto de instalacións.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La escuela infantil de Bertamiráns ultima detalles para su próxima apertura"
El Correo Gallego: "Ultiman detalles para la apertura de la escuela infantil de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "La nueva escuela infantil de Bertamiráns tendrá 72 usuarios y deja a 26 en lista de espera"




