[20-06-2016] O pasado venres a asociación Ames Pospetróleo celebrou no Milladoiro a segunda xornada da iniciativa “Preparando Ames para un futuro sen pretróleo”. A primeira xornada deste evento tivo lugar en Bertamiráns o pasado 4 de xuño. Nesta segunda xornada o colectivo Ames Pospetróleo fíxolle entrega ao alcalde de Ames, José Miñones, dunha copia do informe “Límites revisitados” do parlamento británico sobre os límites do crecemento.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado venres, 17 de xuño, a segunda xornada da iniciativa "Preparando Ames para un futuro sen petróleo", organizado pola asociación Ames Pospetróleo, en colaboración co Concello de Ames. Hai dúas semanas en Bertamiráns realizouse a primeira xornada, que serviu como acto de presentación desta asociación. Esta segunda xornada comezou coa proxección do documental de animación Non hai mañá, de Dermot O’Connor, que recibiu os eloxios xeneralizados do público asistente.
De seguido, Xoán Doldán fixo unha breve presentación da asociación Véspera de Nada, no contexto da divulgación internacional que se vén facendo nos últimos anos acerca do problema derivado do Peak Oil ou Teito da extracción de petróleo, e explicou as súas repercusións na economía e como a crise económica ten postergado un tempo as peores consecuencias deste feito ineludible. O profesor Doldán tamén falou da Guía para o descenso enerxético, un libro que “prepara as galegas e galegos, as pequenas empresas e os concellos” para o fin do petróleo, como fora xestada e o notable éxito con que se veu distribuíndo desde a súa publicación en 2013.
Posteriormente presentouse ante a veciñanza do Milladoiro a nova asociación local Ames Pospetróleo, “filla ou irmá pequena de Véspera de Nada”, como comentou o presentador e moderador do acto, Benxamín González. A presentación correu a cargo do seu presidente Emilio Román.
Antes de dar pé ao debate, o presidente de Ames Pospetróleo fíxolle entrega ao alcalde de Ames, José Miñones, dun exemplar da edición impresa do informe Limits revisited, encargado polo grupo do parlamento británico que está estudando a cuestión dos límites ao crecemento e que foi traducida ao galego por Véspera de Nada ás poucas semanas da súa publicación en inglés.
Precisamente o crecemento económico foi descrito como o principal problema da nosa sociedade para encarar o futuro tanto no documental Non hai mañá como na intervención de Xoán Doldán. Ao ser a nosa -en palabras do profesor de economía aplicada na USC e ex-director do INEGA- unha auténtica “petroeconomía”, é dicir, un sistema que só sabe medrar e que só o pode facer a base de petróleo, basicamente, o devalar da dispoñibilidade de petróleo para as nosas economías abócanos a un futuro “que pode ser moi dramático”.
Debate co público asistente
No debate, que foi intenso, entre membros do público xeral, de Ames Pospetróleo, Véspera de Nada, o alcalde e dúas concelleiras do grupo municipal Ames Novo (Chus Boo e Pilar Candocia), falouse deste problema e das diversas perspectivas que se abren a nivel mundial, galego e local diante desta situación. José Miñones falou dalgunhas iniciativas que se están a poñer en marcha e afirmou, como xa fixera nunha xuntanza anterior, que en etapas anteriores nas que el participou no goberno de Ames xa se fixeran cousas nese sentido, aínda que sen a percepción do conxunto da situación de devalar mundial de petróleo.
Falouse tamén no debate na necesidade de promover non só o comercio senón tamén a produción local e dunha das medidas que Ames Pospetróleo recomendara nas súas xuntanzas previas ás eleccións municipais a todos os grupos políticos: elaborar unha guía completa dos produtores e produtoras de Ames, pero non só de alimentos senón de todo tipo de materiais e produtos, especialmente aqueles máis imprescindibles para a sociedade amesá.
Tamén volveu saír, como no acto de Bertamiráns, o tema da divulgación do Peak Oil entre todos os sectores sociais de Ames, especialmente a xente máis nova; tamén se abordou a necesidade de volver a ollada ao rural, para rehabitalo, para recuperar o sentido e prácticas comunitarias vivas ata non hai moito no noso país e para coidalo como un elemento crítico para o futuro.
Tanto Véspera de Nada como Ames Pospetróleo ofreceron a súa colaboración para traballar con todos os grupos políticos municipais e seguir dando pasos para a divulgación e coñecemento do problema, como paso conveniente para comezar a tomar medidas e que estas sexan comprendidas como algo necesario para un Ames con futuro.




