Pestanas principais

O Concello de Ames avanza na actualización da Relación de Postos de Traballo

Sábado, 21 de maio de 2016

[21-05-2016] Nas últimas semanas o goberno municipal mantivo varias xuntanzas cos representantes do persoal do Concello de Ames para negociar a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT). No primeiro encontro o goberno presentou unha proposta inicial coa definición dos obxectivos e criterios técnicos e legais que se poden aplicar á devandita actualización da RPT, mentres que na segunda xuntanza xa se lle entregou aos representantes sindicais un borrador inicial de traballo completo sobre a proposta de modificación puntual da RPT. A vindeira reunión desta comisión será o martes, 24 de maio, para seguir avanzando neste eido.

No mes de abril o goberno municipal comezou a negociar cos representantes do persoal do Concello de Ames a actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT). Para iso creouse unha comisión de traballo específica para abordar este tema. O rexedor municipal explica que “se trata dunha modificación transitoria de mínimos da Relación de Postos de Traballo. Nunha primeira fase preténdese actualizar este documento para poder aprobar os novos orzamentos. Posteriormente, abordarse unha segunda fase na que se fará unha revisión moito máis profunda”.

No primeiro encontro o goberno presentou unha proposta inicial coa definición dos obxectivos e criterios técnicos e legais que se poden aplicar á devandita actualización da RPT, mentres que na segunda xuntanza xa se lle entregou aos representantes sindicais un borrador inicial de traballo sobre a proposta de modificación puntual da RPT. Neste segundo encontro o goberno municipal foi abordando cos representantes do persoal todos os puntos que se recollen neste borrador inicial de traballo.

Nesta comisión están a participar o rexedor municipal, a concelleira de Economía e Facenda, o concelleiro de Educación e Cultura, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, o asesor do Concello, que se está ocupando da actualización da RPT, e mailos representantes do persoal do Concello de Ames.

Miñones destaca que nesta segunda reunión “foise abordando punto por punto e explicáronse todas as incorporacións que se foron facendo en cada un dos apartados do documento. Os representantes sindicais pediron un tempo para poder analizar e estudar en detalle o borrador que se lles entregou e non puxemos impedimento algún”.

“Unha vez transcorrido un tempo prudencial dende a última xuntanza, convocamos unha nova xuntanza da comisión para o vindeiro martes 24 de maio. Agardamos que neste novo encontro os representantes do persoal acheguen as súas propostas para continuar avanzando na actualización da RPT que é tan necesaria para o Concello. O noso obxectivo é pechar o documento nesta comisión, para posteriormente poder levar unha proposta pechada á Mesa de Negociación e aprobala neste órgano”, indica o rexedor municipal.

A actual RPT foi aprobada en 2007
Cómpre lembrar que a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ames foi aprobada no ano 2007 e desde entón non houbo ningunha revisión nin modificación posterior a pesares das esixencias legais de adaptación de dita RPT aos contidos e circunstancias das necesidades reais do Concello en material de persoal.

A necesidade urxente de aprobación dun novo orzamento, que leva prorrogado desde o 2012, e a recente entrada en vigor da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, que ten unha incidencia directa no que se refire á xestión do emprego público local, e no tocante á elaboración da RPT, esixe que todos os postos que figuren na RPT estean dotados de orzamento. Nunha segunda fase abordarase con maior profundidade cada casuística de cara a obter un documento final que poida ir ano a ano actualizándose.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Convocan un novo encontro para a actualización da RPT"
La Voz de Galicia: "Ames negocia la actualización de la Relación de Postos Laborais"