[07-03-2016] Este luns, 7 de marzo, reuniuse por primeira vez a Mesa Local de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero. Deste xeito, comeza a funcionar este grupo de traballo, que foi creado no pasado mes de xaneiro e no que están representados todos os ámbitos implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero. A xuntanza de hoxe estivo presidida polo alcalde de Ames, José Miñones, e nela tamén participaron a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, María Belén Liste Lázara. Este martes, 8 de marzo, o Concello de Ames celebrará o Día Internacional da Muller Traballadora cun acto, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas.

A comezos de ano o Concello de Ames creou a Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia Machista co obxectivo de coordinar o traballo que se realiza na prevención e detección dos casos de violencia de xénero, así como para optimizar o acceso aos recursos e servizos por parte das mulleres. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “a coordinación e colaboración son fundamentais para unha atención máis áxil, eficaz e eficiente ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia”.
Entre as funcións da Mesa están a posta en marcha dun itinerario de actuacións, a determinación dos criterios a seguir para a detección de casos de violencia de xénero no ámbito local, acordar os criterios comúns para a atención destes mesmos casos, identificar as situacións de posible descoordinación e propoñer métodos para subsanalas, poñer en común e avaliar os datos recollidos sobre violencia de xénero en cada ámbito de actuación.
Esta primeira reunión foi unha primeira toma de contacto este os axentes que a integran. Asemade, falouse dos obxectivos deste grupo de traballo. Así, estableceuse que o obxectivo deste grupo de traballo non é tanto elaborar un protocolo, senón que é facer un itinerario sinxelo de actuación que mellore a coordinación entre todos os axentes implicados e favoreza unha comunicación máis áxil e un fácil interlocución entre as persoas e estamentos implicados na loita contra a violencia de xénero. Por último, houbo unha quenda de rogos e preguntas na que os axentes participantes expuxeron diferentes demandas que serán atendidas, na medida do posible, por parte do goberno municipal.
A Mesa estivo presidida polo alcalde de Ames, José Miñones, e nela participaron a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, María Belén Liste Lázara, o persoal do Centro de Atención á Muller de Ames, as traballadoras sociais do UTS de Bertamiráns e do Milladoiro, o inspector da Policía Local de Ames, representantes da Garda Civil, representantes dos CEIP de Ames, así como dos institutos amesáns, e da escola de educación infantil do Milladoiro, unha representante do Colexio de avogados, e un técnico da concellaría de Promoción Económica. Os representantes dos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro escusaron a súa ausencia e asistirán á vindeira reunión.
Luísa Feijóo engadiu que, desta forma, o Concello “seguirá de preto as liñas de actuación a seguir prestando especial atención as estratexias de sensibilización e formación dende as idades máis temperás, xa que a educación en igualdade e para a igualdade é fundamental”.
Día Internacional da Muller Traballadora
Por outra banda, este martes, 8 de marzo, o Concello de Ames celebrará o Día Internacional da Muller Traballadora cun acto, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Este acto servirá tamén para homenaxear á falecida Carmen Feteira, primeira concelleira da Muller de Ames. En 2003, por primeira vez en Ames, creouse a concellaría da Muller, cargo que ocupou naquel momento Carmen Feteira.
A este acto foron invitadas as mulleres que ocuparon o cargo da concellería relacionada cos servizos sociais e as políticas de igualdade previamente a Luísa Feijóo, que considera á súa experiencia fundamental para comprender o papel que o Concello pode xogar na loita contra a desigualdade e a violencia machista. As voces destas mulleres servirán ademais para ilustrar o papel da muller na política e como mudou co paso dos anos.
Ademais, neste acto daranse a coñecer os nomes dos gañadores/as do Concurso de Marcapáxinas "Día Internacional da Muller", no que participou o alumnado dos centros de ensino públicos de Ames. Baixo a temática da muller os rapaces e rapazas tiveron que elaborar e decorar os seus marcapáxinas. Os nenos ou nenas, cuxos traballos sexan seleccionados polo xurado, recibirán como premio un lote material escolar e un diploma. Ademais, os mellores marcapáxinas serán expostos nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Comeza a funcionar a mesa contra a violencia de xénero"




