Pestanas principais

A compañía Os tres tenedores presentan este mércores en Bertamiráns o espectáculo “Cocido sinfónico”

Martes, 29 de decembro de 2015

[29-12-2015] Este mércores, 30 de decembro, continúa a programación cultural de Nadal cun espectáculo musical que chegará a Ames da man da compañía Os tres tenedores. O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá ás 17:00 horas o espectáculo “Cocido sinfónico”, que está dirixido ao público infantil e familiar. As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. Pódese facer a reserva de entradas ata o mércores 30 de decembro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Cocido sinfónico é un espectáculo innovador de teatro, música e humor, dirixido a un público infantil e familiar. Saúl Cacharrón, Paco Nogueiras e Martín Nogueira son os encargados de preparar este Cocido sinfónico. Con estes tres músicos e cómicos o espectáculo está asegurado, posto que mesturan no seu repertorio varias disciplinas, destacando a música interpretada en directo e o clown. Trátase dun espectáculo dinámico e con moi bo ritmo, do que se pode gozar toda a familia.

Os nenos e maiores que acudan a ver este espectáculo asistirán ao primeiro día de traballo de tres peculiares personaxes, no que tres vagabundos se converten en cociñeiro, camareiro e xefe de cociña e nos amosarán a súa peculiar forma de elaborar un menú. Nesta ocasión, as portas do peculiar restaurante dos tres tenedores ábrense dispostas a ofrecer aos seus comensais as músicas máis saborosas, acompañadas dos pratos máis suculentos e innovadores.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50 por cento así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o mércores 30 de decembro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org.

Máis de 60 actuacións
Os tres tenedores levan dende o 2010 actuando por toda Galicia cunha bagaxe de máis de 60 actuacións. Contan con espectáculos innovadores de teatro, música e humor, dirixido a un público infantil e familiar onde se mestura o coñecemento sobre as distintas familias de instrumentos, estilos musicais máis relevantes, instrumentos de refugallo, variadas coreografías... ofrecéndoo dun xeito divertido, didáctico e orixinal, onde os rapaces e rapazas son tamén os protagonistas principais do espectáculo. En definitiva, trátase un grupo de docentes e musicólogos con ampla experiencia no eido das artes escénicas e musicais.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Bertamiráns acogerá hoy la obra Cocido Sinfónico"